Outras novas
20/11/2025
Outras novas

Máis de trescentos mozos e mozas converteranse este curso en activistas xuvenís para defender o mundo que queren

  • Arranca este luns Activistas polo Mundo que queremos, un proxecto educativo que busca xerar conciencia crítica na xuventude.

Este luns 24 de novembro dará comezo unha nova edición do proxecto educativo“Activistas polo Mundo que Queremos” que busca xerar activismos xuvenís nos eidos do feminismo, o medio ambiente, o antirracismo e a loita LGTBIQ+ en centros educativos galegos.

Nos seus 13 anos de historia o proxecto chegou xa a 80 centros educativos, 334 profesores e profesoras e 5.392 alumnos e alumnas, a os que se suman catro centros nesta nova edición.

O luns arranca o proxecto no IES Eduardo Pondal de Ponteceso o mércores será a quenda do IES do Milladoiro en Ames e nos vindeiros días incorporarase tamén, o IES A Paralaia de Moaña e o IES Ramón Caamaño de Muxía que terá a súa sesión o día 2 de decembro.

Nesta primeira toma de contacto, os máis de trescentos estudantes que participan este ano achegaranse a o concepto de “activismo”, en torno ao que xira o proxecto, cun itinerario composto por oito obradoiros denominados “paradas”, que se desenvolverán ao longo de todo o curso escolar. O obxectivo final consiste en formar unha cidadanía activa e crítica, que identifique e combata as ameazas arredor da convivencia.
O percorrido didáctico que realizará o alumnado mestura a formación presencial coa online e establece as seguintes paradas:
• Parada 1 (presencial). Novembro-decembro. Que significa ser activista? Primeiro taller presencial para dar a coñecer o proxecto, a aula virtual e os conceptos cos que imos traballar.
• Parada 2 (virtual). Decembro. Elixe o teu activismo. O alumnado achégase a unha das catro posibles liñas de activismo (ambiental, feminista, LGTBI e antirracista) e coñece as maneiras de actuar na súa contorna a nivel local contra problemas que teñen repercusión global.
• Parada 3 (presencial). Xaneiro. Comunicación transformadora. Analizamos os medios de comunicación de masas e as redes sociais desde unha perspectiva crítica.
• Parada 4 (virtual). Febreiro. Guións do programa de radio. Creamos os nosos guións radiofónicos sobre o activismo elixido. Traballo en aula do alumnado guiado polo profesorado a través da aula virtual.
• Parada 5 (presencial). Marzo. Obradoiro de radio. Gravamos na aula os nosos programas de radio activista.
• Parada 6 (virtual). Marzo. Coñecendo activistas do sur. Coñecemos un pouco máis o labor e o país de activistas que combaten diferentes desigualdades noutras partes do mundo e que visitarán os centros educativos do proxecto.
• Parada 7 (presencial). Abril. Visita das activistas do sur. Persoas implicadas nas loitas contra as diferentes desigualdades visitan os centros educativos.
• Parada 8. Maio/xuño.Escoitamos os nosos podcast e avaliación final.

Activistas polo mundo queremos forma parte da plataforma de innovación educativa ‘Plan Proxecta’, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e faise posible grazas a unión de tres ONGDs, Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) e Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) co financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia