Outras novas
10/08/2018
Outras novas

Médicos do Mundo contribúe á prevención e loita contra a violencia de xénero en Mozambique

A proposta Fomentando o dereito á protección e seguridade das vítimas de violencia de xénero a través do fortalecemento da atención integral e da sensibilización comunitaria en Matola (localidade situada na periferia de Maputo, capital do país), desenvolvida desde setembro de 2017 e que se prolongará ata novembro de 2018, supón a continuación da liña de acción comezada en 2011 por Médicos do Mundo en Mozambique, co apoio da Xunta de Galicia, fundamentada na concepción do dereito á saúde desde unha perspectiva de xénero, cun enfoque baseado en dereitos, empoderamento e interculturalidade.

Médicos do Mundo traballa conxuntamente coa organización da sociedade civil local NHAMAI-DHMC (Associação de Direitos Humanos da Mulher e Criança), e alíñase cos Plans Económicos e Sociais das Direccións Provinciais de Saúde (DPS) e a de Xénero e Acción Social (DPGCAS) da provincia de Maputo.

O proxecto xa permitiu a rehabilitación das instalacións do centro de acollida de NHAMAI-DHMC, necesaria para garantir o refuxio e a protección de vítimas de violencia de xénero e o acceso destas ao Mecanismo Multisectorial de Atención Integrada, caracterizado por cuidados no ámbito da saúde, acción social, policial e xudicial. Por outra banda, estanse a desenvolver campañas de divulgación e promoción dos servicios de atención integrada para fomentar unha resposta comunitaria e institucional eficaz, así como accións de sensibilización en novas masculinidades para implicar a líderes comunitarios masculinos na prevención e loita contra a violencia de xénero, planteando unha reflexión profunda sobre os papeis sociais de homes e mulleres na sociedade mozambicana.

Mozambique é un dos países prioritarios da Cooperación Galega, non só polo achegamento lingüístico, senón tamén pola experiencia no impulso de actuacións relacionadas coa acuicultura e a xestión integral dos recursos hídricos, sectores nos que Galicia aporta un valor engadido ao conxunto da axuda oficial ao desenvolvemento do Estado. A presencia da cooperación galega neste país ten permitido, ademais, desenvolver iniciativas en materia de equidade de xénero, un dos cinco ámbitos estratéxicos recollidos no IV Plan director 2018-2021.