Outras novas
28/02/2019
Outras novas

Nota de prensa do Fondo Galego sobre o Almorzo Xusto organizado no Pazo do Hórreo

Representantes de todos os partidos asistiron ao Almorzo Xusto organizado no Pazo do Hórreo polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

 

Representantes de todos os grupos parlamentarios participaron esta mañá no Almorzo Xusto organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade no Pazo do Hórreo, onde se comprometeron a alentar ás candidaturas municipais dos seus partidos a incorporar nos programas electorais a adhesión dos concellos a esta rede e a promover a cooperación internacional desde o local. Os grupos estudarán ademais a posibilidade de realizar unha declaración institucional ao respecto no Parlamento de Galicia, a proposta do deputado do PPdeG Alberto Pazos Couñago.

O parlamentario expuxo ademais que a creación do Fondo Galego en 1997 “supuxo un salto da caridade á cooperación real” e que hoxe en día constitúe “unha ferramenta fundamental”. O voceiro do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Xoaquín Fernández Leiceaga, apostou pola súa parte por “facer un maior esforzo de accountability” para que o labor realizado a prol do desenvolvemento dos países empobrecidos chegue á cidadanía, unha visibilización pola que tamén avogou a representante de En Marea, Paula Quinteiro, para quen “hai que socializar o impacto e o enfoque” do traballo que se está a levar a cabo. Ao tempo, o deputado do BNG Luís Bará engadiu a necesidade de coordinarse e “reflexionar sobre o tipo de cooperación e de relacións que se establecen”, descartando o paternalismo.

O presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González, abriu a xuntanza salientando que a incorporación dos concellos a esta entidade lles “dá a oportunidade de participar na cooperación para o desenvolvemento, establecendo relacións de aprendizaxe mutua” cos países do Sur. Unha idea na que afondou o vogal da Comisión Executiva e concelleiro en Cartelle, Daniel Fernández, que sinalou a vantaxe que supón para os concellos pequenos, ao realizar “unha pequena achega que sobre o terreo significa moito”.

A tamén vogal e vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, lembrou “a importancia da sensibilización fronte as desigualdades” que fan os concellos a través das actividades facilitadas polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, como administracións máis próximas á cidadanía. Mentres que a vogal e edil na Coruña, Rocío Fraga, remarcou o valor da asociación municipalista como “espazo de traballo conxunto das distintas forzas para acadar un obxectivo común”. Por último, a vicepresidenta e concelleira en Redondela, Teresa París, referiuse ao actual marco normativo, apostando por flexibilizalo para que non se poñan trabas ás políticas públicas municipais de cooperación internacional. O almorzo servido foi a base de produtos de comercio xusto da ONGD Panxea.

 

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 97 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, desde a súa fundación en 1997 o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.  

 

ASISTENTES AO ACTO

  • Alberto Pazos Couñago, Grupo Parlamentario Popular de Galicia.
  • Xoaquín Fernández Leiceaga, Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia.
  • Paula Quinteiro, Grupo Parlamentario En Marea.
  • Luís Bará, Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego.
  • Juan González, presidente do Fondo Galego.
  • Teresa París, vicepresidenta do Fondo Galego.
  • Goretti Sanmartín, vogal da Executiva do Fondo Galego.
  • Rocío Fraga, vogal da Comisión executiva do Fondo Galego.
  • Daniel Fernández Carril, vogal da Executiva do Fondo Galego.