Achégase nota de prensa remitida por Solidariedade Internacional de Galicia sobre o obradoiro que se está a levar a cabo no marco do proxecto “Activistas polo mundo que queremos”.
- Radio para loitar contra as inxustizas dende as aulas galegas
Máis de trescentos adolescentes galegos gravarán programas de radio contra o machismo, os abusos ambientais ou o discurso de odio contra a migración e o colectivo LGTBIQ.
Esta será a 12º edición de "Activistas polo mundo queremos". Un proxecto de educación para a cidadanía global que xa chegou a 76 centros educativos, 305 profesores e profesoras e 5.075 alumnos e alumnas dende o ano 2013.
Activistas polo mundo queremos forma parte da plataforma de innovación educativa ‘Plan Proxecta’, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e faise posible grazas a unión de tres ONGDs, Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) e Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) co financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia.