Outras novas
01/04/2025

Nota de prensa remitida por Solidariedade Internacional de Galicia sobre a visita de dúas activistas hondureñas que loitan contra a desigualdade de xénero no seu país, actividade que se está a levar a cabo no marco do proxecto “Activistas polo Mundo que Queremos”

Achégase nota de prensa remitida por Solidariedade Internacional de Galicia sobre a actividade que se está a levar a cabo no marco do proxecto “Activistas polo mundo que queremos”.

  • Adolescentes de toda Galicia achéganse a Honduras da man de dúas activistas que visitan o noso país estes días.

- Loitan contra a desigualdade de xénero nun dos países do mundo máis perigosos para exercer o activismo

- Visitarán institutos de Negreira, A Estrada, Ponteareas e O Barco de Valdeorras e participarán en charlas abertas nas cidades de Santiago, Ourense e Pontevedra.

Santiago, 1 de abril de 2025. As case trescentas mozas e mozos de secundaria que este ano forman parte do proxecto educativo Activistas polo O Mundo Que Queremos recibirán durante os próximos días a visita de dúas activistas hondureñas que loitan contra a desigualdade de xénero no seu país.

O obxectivo deste encontro entre as activistas e o alumnado de catro institutos (Negreira, A Estrada, Ponteareas e O Barco de Valdeorras) é que as mozas e os mozos galegos coñezan a loita destas mulleres de primeira man, se inspiren na súa forma de intervir na súa realidade a través do activismo, e tamén reflexionen sobre as desigualdades norte-sur.