Outras novas
19/11/2024

O artista galego Joseba Muruzábal e a Fundación Vicente Ferrer únense para homenaxear ás mulleres da India rural

 

  • O muralista viaxará a Anantapur  (India) para realizar unha obra na que representará a forza das mulleres que deben afrontar a súa maternidade soas. 
  • A acción englóbase dentro dun programa que conta co financiamento da Xunta de Galicia e que dá apoio a 327 mulleres en situación de vulnerabilidade.

O artista galego Joseba Muruzábal visitará a India para deixar plasmada na súa peza o rol e a loita das mulleres que deben afrontar soas a maternidade na rexión india de Madakasira, unha zona rural onde a pobreza e as desigualdades intensifícanse aínda máis pola falta de recursos. Para realizar a súa peza, Muruzábal entrará de cheo no corazón da India rural, onde traballa a FVF, e entrevistarase persoalmente con estas mulleres para facer un retrato da súa realidade, unha vez finalizada a obra, todas as mulleres beneficiarias e protagonistas do proxecto participarán da inauguración do mural.

Poderase seguir o proceso de execución do mural a partir do 24 de novembro nas redes sociais da FVF en Galicia (Instagram @fvicenteferrer.gal.ast e Facebook Fvicenteferrer Galicia e Asturias).

Doutra banda, para dar a coñecer a situación destas mulleres fóra das fronteiras da India, o proxecto tamén alberga unha exposición que inicia agora a súa itinerancia por varias estacións de tren de Galicia dentro do programa “Estación Aberta” de ADIF. Poderase visitar nas estacións da Coruña (do 11 ao 25 de novembro), Vilagarcía de Arousa (do 25 de novembro ao 9 de decembro), Vialia en Vigo (do 9 ao 23 de decembro) e Vigo-Guixar (do 23 de decembro ao 7 de xaneiro)