Outras novas
12/01/2016
Outras novas

O Fondo Galego de Cooperación promove a saúde materna e infantil e Mozambique

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade cofinancia con 25.000 euros un proxecto en Mozambique para que as mulleres embarazadas empreguen os servizos de saúde, antes, durante e despois do parto, superando as barreiras socioculturais. A actuación execútase da man da Fundaçao Encontro, en cuxo equipo de coordinación se atopa a enfermeira coruñesa María José Castro.

Visitas a 240 domicilios e mais un cento de charlas e obras teatrais sobre coidados básicos de saúde e prevención de doenzas son algunhas das actividades que un grupo de activistas está a levar a cabo para concienciar a mulleres e familias sobre a importancia de acudir ás consultas pre e post parto, así como de dar a luz na maternidade. Tamén se crearán grupos de “nai para nai”, onde se intercambian experiencias a fin de multiplicar a sensibilización.

Segundo as crenzas locais, o embarazo debe ocultarse ata que a barriga sexa grande, xa que falar sobre o tema atraería a mala sorte. Isto leva ao sufrimento e morte de moitas mulleres durante a xestación e en partos non seguros. As nenas e nenos tampouco adoitan seguir os pertinentes controis e hai un elevado risco de desnutrición, polo que a intervención incide asemade en identificar á poboación infantil que precisa unha atención especial neste senso.

O proxecto deu comezo en agosto de 2015 e prolongarase ata xullo de 2016 nos distritos de Boane e Namaacha, na provincia de Maputo. Neste tempo agárdase que aumenten nun 25% as embarazadas que acuden a consulta e que 1.290 nenos e nenas leven control pediátrico, así como mellorar a formación en saúde en xeral. O acompañamento individualizado, ao tempo que se involucra a toda a comunidade, é unha das claves do proxecto.

Mozambique áchase entre os países cun &Índice de Desenvolvemento Humano máis baixo do mundo, xa que é o noveno pola cola. Ademais da pobreza, o contexto da intervención vén marcado pola desigualdade de xénero, a prevalencia de enfermidades como a sida ou as dificultades de acceso á auga. A desnutrición crónica afecta a un 44% da poboación infantil.

O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está formado por 87 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.