
A asociación de concellos e deputacións achega 20.000 euros para garantir o acceso ás aulas e fomentar a formación en valores a través do deporte
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade continúa un ano máis apoiando á Fundação Encontro na promoción dos dereitos da infancia en áreas rurais do sur de Mozambique. Desta volta, o proxecto contribuirá a que 1.840 nenas e nenos teñan unha vida saudable adoptando valores sociais positivos.
Con este obxectivo, estase a promover o acceso ás aulas e a práctica de actividades lúdicas e deportivas en catro escolas infantís e dous centros de primaria de Massaca, Mahanhane, Mahelane e Changalane. Estas comunidades rexistran un alto índice de pobreza e as familias adoitan estar encabezadas por mulleres soas que teñen catro ou cinco fillos.
A súa actividade principal é a agricultura, unha fonte de recursos moi inestable debido ás condicións climáticas. Ademais, as desigualdades de xénero materialízanse en violencia machista, abandono escolar, embarazos precoces e unha elevada mortalidade infantil e materna. A desnutrición crónica afecta asemade ao 38% das nenas e nenos mozambicanos menores de cinco anos, ao que hai que sumar doenzas como a malaria e o VIH.
Para combater esta situación, os centros educativos xestionados pola Fundação Encontro non só ofrecen clases, senón tamén apoio alimentario, formación para nais e mesmo asistencia sanitaria. O proxecto de cooperación internacional apoiado polo Fondo Galego contribúe a soster este labor, pero este ano centrarase especificamente na formación do profesorado para promover hábitos saudables e a educación en valores entre o alumnado, nomeadamente a través de actividades lúdicas e deportivas.
Búscase así promover a súa saúde física e mental ao tempo que se favorece o desenvolvemento emocional e social a través do traballo en equipo e a resolución pacífica de conflitos, impulsando a colaboración, o respecto, a empatía, a disciplina ou a resiliencia, dun xeito entretido e sempre con enfoque de xénero. Preténdese, deste xeito, reducir a vulnerabilidade da infancia e contribuír ao fortalecemento das comunidades.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 117 concellos e as catro deputacións de Galicia, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego vén de cumprir 28 anos tendo apoiado uns 200 proxectos en máis de trinta países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.