Outras novas
27/03/2017

O Fondo Galego, referente en cooperación técnica e sensibilización en Barcelona e Bruxelas

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está a actuar esta semana como referente en senllos encontros celebrados en Barcelona e Bruxelas. En Bélxica, persoal da entidade participou canda os socios de distintos países na xuntanza de avaliación do proxecto Redes para o Desenvolvemento, centrado na promoción da educación para a cidadanía global, mentres que en Cataluña foi acollida con grande interese a experiencia das Vacacións con Traballo, exposta pola Secretaría e por unha bibliotecaria do Concello de Redondela participante neste programa de voluntariado internacional.

María José Villar compartiu os resultados da súa colaboración na biblioteca municipal de Santa Cruz, en Cabo Verde, coas e cos asistentes ás Xornadas de Cooperación Técnica que o Fons Català de Cooperació al Desenvolupament organiza estes días en Sant Cugat del Vallès. O testemuño de primeira man achegado pola bibliotecaria redondelá sobre o apoio prestado en terreo e sobre a realidade caboverdiana converteu o seu relatorio nun dos máis exitosos do encontro, no que tamén se expuxeron experiencias de Bolivia, Senegal, Líbano ou Marrocos. Pola súa parte, a secretaria do Fondo Galego, Andrea García Corzo, presentou a asociación e o propio programa Vacacións con Traballo, co que na última década corenta técnicas e técnicos municipais achegaron os seus coñecementos en países empobrecidos.

De xeito paralelo, tiña lugar en Bruxelas a avaliación do proxecto Redes para o Desenvolvemento, no que o Fondo Galego participa compartindo as súas boas prácticas en materia de sensibilización fronte as desigualdades con socios de Portugal, Alemaña e Holanda. A entidade presentou principalmente os resultados do foro internacional celebrado en Pontevedra para intercambiar materiais e metodoloxías, así como da súa participación no seminario organizado en Lisboa arredor dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). A viaxe permitiu ademais afianzar a relación co Programa de Desenvolvemento de Nacións Unidas (PNUD).

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 88 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

Área de Comunicación

Carmen Novas 616 145 077 - comunicacion@fondogalego.org