Outras novas
27/11/2017
Outras novas

O fotoxornalista Adrián Irago retrata Mozambique tras gañar o certame ‘Imaxes con Fondo III’

  • O premio da terceira edición do concurso organizado polo Fondo Galego de Cooperación consistía nunha viaxe para elaborar unha mostra fotográfica
  • O autor vigués atópase no país da África lusófona para captar coa súa cámara tanto os proxectos alí apoiados como instantáneas da vida cotiá

 

O fotógrafo Adrián Irago atópase ata finais de novembro en Mozambique retratando a vida no país e os proxectos alí apoiados polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, co fin de preparar unha exposición que logo xirará por municipios de toda Galicia para dar a coñecer esta realidade. A viaxe forma parte do premio da terceira edición de Imaxes con Fondo, certame que o reporteiro vigués gañou o pasado ano.

Desde que hai un par de semanas iniciara o seu periplo, Adrián Irago está a visitar algunhas das iniciativas de loita contra a pobreza cofinanciadas desde o ano 2001 en materia de educación, saúde ou abastecemento de auga. O Fondo Galego impulsou ata o momento unha decena de proxectos no país lusófono, que supuxeron preto de 300.000 euros de investimento e que na súa maioría se levaron a cabo coa Casa do Gaiato e a súa “irmá” a Fundação Encontro como parceiros locais, pero tamén coa colaboración de ONGD galegas ou do Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD).

Na actualidade estase a executar canda a Fundação Encontro unha intervención co deporte como ferramenta para previr doenzas e adiccións entre a mocidade. Tamén se está a traballar directamente co municipio de Nhamayábue para a construción de pozos de auga. Adrián Irago está a visitar estes e outros proxectos anteriores, coma o realizado con Ecos do Sur para reparar un centro educativo na contorna de Maputo ou o impulsado canda Arquitectura sen Fronteiras para mellorar as condicións sanitarias na provincia de Inhambane. O seu obxectivo recollerá ademais a actividade pesqueira, aspectos culturais, espazos naturais, etc.

Adrián Irago, que traballou en medios locais durante varios anos, conta na súa andaina con galardóns coma o Premio Nacional de Fotoperiodismo da Asociación Nacional de Informadores Gráficos de Prensa y Televisión. Entre os seus traballos destaca a cobertura dos desafiuzamentos en Madrid de 2012, os incendios en Galicia de 2013 e a ruta das persoas refuxiadas en 2015, que o levou a percorrer Grecia, Macedonia, Serbia, Alemaña e Francia.

 

O Fondo Galego de Cooperación

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 91 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade chega en 2017 ao seu vixésimo aniversario.