Outras novas
04/03/2015
Outras novas

O teatro como ferramenta para educar en valores

Tras os obradoiros de radio e fotografía, tócalle a quenda ao teatro. Durante esta semana e a que vén regresamos aos nove centros participantes cun obradoiro de teatro impartido polo grupo de teatro da oprimida 100tolas. O teatro dos/as oprimidos/as é unha metodoloxía e unha práctica teatral que pretende transformar e denunciar as realidades opresivas a través de medios estéticos e o diálogo entre os e as oprimidas.

Conta unha escena teatral baseada en feitos reais, na cal as persoas oprimidas e opresoras entran en conflito, de xeito claro e obxectivo, na defensa dos seus desexos e intereses. No enfrontamento, a persoa oprimida fracasa e o público é estimulado por quen exerce de Curinga (a persoa facilitadora) a entrar en escena, substituír á persoa protagonista (a oprimida) e a buscar alternativas para o problema que se acaba de representar. Así consigue transformar ao público en protagonista da acción dramática.

A peza representada, ‘A viaxe de Ana’, narra a historia dunha muller que decide emigrar na busca dunha vida mellor. A súa é unha viaxe longa. Na súa maleta garda recordos e ilusión por un futuro. Unha ilusión que pronto será atropelada por unha sociedade hostil, atrozmente individualista e que só busca proveito propio. Ao igual que nos obradoiros anteriores, favorecer a participación e protagonismo do alumnado nesta peza teatral é clave, e forma parte da aposta metodolóxica de ‘O mundo que queremos’.

Ademais destes obradoiros o proxecto inclúe a visita aos centros de persoas dos países do Sur vinculadas á cooperación para o desenvolvemento e un encontro final intercentros no que todo o alumnado participante gozará dun concerto e amosará os traballos radiofónicos e fotográficos realizados durante a duración do proxecto.

‘O mundo que queremos’ está a ser executado polas ONGD Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e Mundo Cooperante, coa colaboración organizativa e formativa de Educo, Asemblea de Cooperación Pola Paz (ACPP), Tempo de Loaira e o grupo de Teatro da oprimida 100tolas. O proxecto conta co financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE.