Outras novas
27/04/2015
Outras novas

Persoal de concellos e deputacións cooperará en países do Sur a través das Vacacións con Traballo

Persoal de concellos e deputacións cooperará en países do Sur a través das Vacacións con Traballo

- O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade triplica as prazas no décimo aniversario deste programa de voluntariado internacional e oferta sete vacantes
- Ata o 12 de maio poden presentarse as solicitudes para colaborar durante un mes coas entidades parceiras en Cabo Verde, Nicaragua e Honduras

Baiona, 27 de abril de 2015. Sete técnicas e técnicos das deputacións e concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade pasarán un mes colaborando cos parceiros da entidade en Cabo Verde, Nicaragua e Honduras. Ata o 12 de maio permanece aberto o prazo para presentar candidaturas ao programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo, que chega ao seu décimo aniversario triplicando o número de prazas dispoñibles.

Os perfís solicitados pola Cámara Municipal de Ribeira Grande son os de arquitecta/o e técnica/o en xestión financeira, mentres que a Cámara Municipal de Santa Cruz require os de técnica/o de medio ambiente e responsable de comunicación. A ONGD nicaraguana Instituto de Promoción Humana-Somoto oferta dúas vacantes de técnica/o de turismo. A praza do Golfo de Fonseca está xestionada por Enxeñería sen Fronteiras no marco do proxecto de cooperación para o desenvolvemento financiado polo Fondo Galego, de aí que se priorice a unha/un técnica/o especialista en auga e saneamento ou en calidade da auga.

Alén destes perfís prioritarios, hai outros de interese, polo que se recomenda inscribirse a calquera traballador/a en activo que queira participar. As candidaturas presentaranse enviando ao enderezo electrónico comunicacion@fondogalego.org o currículo e unha carta de motivación, canda un escrito de apoio ou consentimento asinado pola/o representante política/o do Fondo Galego no concello ou deputación. Valorarase a vinculación co eido da cooperación, a participación na Rede Municipalista Solidaria e o coñecemento do país.

As viaxes desenvolveranse no último cuadrimestre do ano e a organización cubre os gastos de desprazamento, aloxamento e manutención. Desde terreo, o voluntariado visibiliza a través dun blog a realidade do Sur e as súas propias vivencias, que á volta tamén se recollen nun caderno dixital. Amplifícase así a dimensión sensibilizadora da iniciativa, que fomenta o intercambio de coñecementos ao tempo que promove a solidariedade entre axentes locais. Na última década, trinta persoas participaron das Vacacións con Taballo.

O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 85 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

 

Para máis información, imaxes ou entrevistas con anteriores participantes nas Vacacións con Traballo dos distintos municipios, poñédevos en contacto connosco. Saúdos,

ÁREA DE COMUNICACIÓN
Carmen Novas 616 145 077
comunicacion@fondogalego.org