A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, a concelleira de Benestar Social, Margarita Castejón, e o pintor Antón Sobral, inauguraron o día 7 pola mañá a campaña “Achégate á Cooperación Galega” en Pontevedra, coa instalación, na Praza da Ferrería, dunha plataforma móbil que permanecerá dúas xornadas na vila, ata o mércores 8; e se desprazará ata Vigo o xoves 9 de outubro.
Na súa cuarta semana de andaina polos concellos galegos, Achégate está a recibir unha grande acollida, tal e coma amosou hoxe a inauguración en Pontevedra. A asistencia dun personaxe senlleiro da cultura, coma Antón Sobral, reforza a implicación de todos os sectores da sociedade galega na loita contra a pobreza.
Os testemuños persoais e gráficos que se poden visitar na plataforma móbil non só mostran o labor desenvolvido pola Cooperación Galega nos países menos desenvolvidos, senón que implican ao visitante na realidade dos países do Sur dun xeito directo e próximo describindo os principios, metas e prioridades sectoriais e xeográficas da Cooperación para o Desenvolvemento sostida pola Administración galega.
Neste senso, a exposición complétase cun expositor de produtos de comercio xusto, unha escolma de publicacións dos axentes da cooperación e unha sala para xogos educativos e reunións informativas, con proxeccións de vídeos documentais e un Trivial interactivo sobre cuestións de desenvolvemento
Outras actividades:
Os máis cativos poden visitar a exposición cos seus colexios en horario de mañá ou de xeito individual en horario de tarde, podendo desfrutar de actividades coma obradoiros de xoguetes e traxes tradicionais, monicreque Abdalaz, a miquiña da paz; os “Cantos solidarios” do Bardo Abelardo e os “Títeres solidarios”.
Completan as actividades o Muro da Paz, o Xornal de Boas Novas Solidarias e a distribución de trípticos, perlizadores, cadernos, pinturas e contos solidarios.