Outras novas
30/10/2017
Outras novas

Presentación do proxecto "Mellora das condicións de habitabilidade, de atención á saúde comunitaria e á violencia contra as mulleres, no Batey La Balsa, municipio de Ramón Santana, provincia de San Pedro de Macorís, República Dominicana"

O Instituto de Acción Comunitaria (IDAC), Asemblea de Cooperación Pola Paz de España (ACPP) e a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios de Galicia (AGARESO), co apoio da Xunta de Galicia, presentaron o inicio do proxecto "Mellora das condicións de habitabilidade, de atención á saúde comunitaria e á violencia contra as mulleres, no Batey La Balsa, municipio de Ramón Santana, provincia de San Pedro de Macorís, República Dominicana".

A través desta iniciativa construiranse oito novas vivendas dotadas dos servizos de auga e saneamento básico, mediante a construción dun moderno sistema de depuración de augas servidas. De forma complementaria, traballarase tamén co Ministerio da Muller, o Ministerio de Saúde e o Ministerio de Educación, a través das súas oficinas provinciais, en temas relacionados coa redución de enfermidades, redución de violencia de xénero, intrafamiliar e delitos sexuais. Así mesmo, o proxecto levará a cabo actividades educativas cos estudantes e profesores das escolas da zona, utilizando as instalacións do centro tecnolóxico comunitario de Ramón Santana para ampliar os coñecementos e as informacións.

Para a execución do proxecto cóntase co apoio económico da Xunta de Galicia, quen doou a suma de 178.804,05 euros, así como do IDAC-ACPP-AGARESO e os beneficiarios, que achegan un total de 35.725,96 euros. Este proxecto é unha continuación dunha intervención anterior no batey La Balsa, onde se construíu un moderno sistema de auga e un amplo sistema de depuración de excretas, que dotou a preto de 50 familias de sistemas sanitarios adecuados. Na devandita fase anterior tamén se apoiou o desenvolvemento dun fogar comunitario de saúde e as actividades que levaron a cabo a rede de promotoras de saúde, a xunta de veciños e outras organizacións comunitarias do batey.

A presentación oficial do proxecto realizouse no marco dunha asemblea comunitaria celebrada no batey La Balsa, coas intervencións de D. Antonio Florián, presidente do IDAC e Dna. Tania Jácome, en representación de ACPP/AGARESO.

D. Antonio Florián informou que actualmente se están facendo xestións coa Gobernación Provincial e o Concello Municipal de Ramón Santana para lograr a participación neste proxecto do Consello Estatal do Azucre (CEA) e do Instituto Nacional da Vivenda (INVI), co fin de ampliar os recursos económicos para aumentar o número de vivendas dignas e que máis familias sexan beneficiarias deste proxecto.

Na presentación tamén estiveron presentes o Alcalde Municipal, D. Braulio Rivera, Dna. María Augado da Xunta de Galicia, representantes da asemblea de rexedores, así como D. Israel Ozoria, director do proxecto e demais integrantes do equipo do mesmo.