Outras novas
26/10/2017
Outras novas

Primeira convocatoria dos premios PLATFORMA

Desde a Fundación Galicia Europa infórmase da primeira convocatoria dos premios PLATFORMA, cuxo obxectivo é recoñecer os mellores proxectos de cooperación descentralizada e promover a súa replicabilidade. Organizados co apoio da Comisión Europea, estes premios están abertos a calquera cidade, provincia ou rexión da UE que coopere con, polo menos, un goberno local ou rexional dun receptor de axuda oficial ao desenvolvemento da UE ou incluído na Política Europea de Veciñanza.

O período de inscrición estará aberto ata o 15 de decembro. O xurado, composto por representantes electos a nivel europeo e profesionais de primeiro nivel no campo da cooperación ao desenvolvemento, seleccionará aos galardoados o 1 de febreiro de 2018 e fará entrega dos premios nunha cerimonia que se celebrará o 21 de marzo en Bruxelas.

PLATFORMA é unha coalición paneuropea de 30 gobernos locais e rexionais, que ademais inclúe outras asociacións (como a Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas de Europa- CRPM, da que Galicia é parte na súa comisión xeográfica do Arco Atlántico; ou a Federación Española de Municipios e Provincias- FEMP). Deste modo, desde a súa creación en 2008, representa a máis de 100.000 rexións e entes locais activos no campo da cooperación ao desenvolvemento.

Pódese ampliar a información na seguinte ligazón:

http://platformawards.eu/wp-content/uploads/2017/09/171018-PLATFORMAwards-Rules-and-terms-EN.docx.pdf