Outras novas
07/04/2016
Outras novas

Remata o obradoiro de televisión para a formación en valores no IES Torrente Ballester

Unha nova edición do obradoiro de televisión para a educación en valores promovido pola ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) e a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) rematou hoxe no IES Torrente Ballester (Pontevedra). Quince estudantes de 3º e 4º da ESO participaron nesta actividade de comunicación para o cambio social encadrada no movemento europeo Escolas sen Racismo, que engloba a máis de 500 centros educativos e que tres anos atrás lle valera ao instituto o Premio Nacional de Educación para o Desenvolvemento ‘Vicente Ferrer’.
A derradeira sesión audiovisual desenvolveuse esta mañá na tenda de comercio xusto de Amarante Setem e consistiu na gravación dunha entrevista á propia ONGD e outra á firma de moda ética La Canalla por parte do alumnado, que traballa así o tema do consumo responsable de roupa. Para isto xa realizaran tamén unha enquisa de rúa.
Ao longo do obradoiro, que se prolongou durante seis sesión, as e os estudantes aprenderon sobre os xéneros xornalísticos, o guión ou a montaxe, sempre con exemplos de temática social e solidaria, pero tamén adquiriron pautas respecto da linguaxe inclusiva, o tratamento de colectivos en risco de exclusión ou a análise do discurso mediático.
As rapazas e rapaces interveñen na toma de decisións en todas as fases, pois trátase de empoderalos para lanzaren as súas propias mensaxes e fomentar así a participación social. Contribúese, deste xeito, a formar unha cidadanía con espírito crítico e construtivo. Os seus avances pódense seguir no blog www.agareso.org/esr.
O centro está a acoller ademais outras actividades do programa Escolas sen Racismo, que conta co apoio da Xunta de Galicia. Entre elas atópanse a exposición ‘Mira Ti’, coa que se traballa contra os prexuízos e a discriminación, ou o teatrofórum, no que se presenta algún conflito cotiá cuxa solución terá que representar o alumnado, favorecendo así a empatía e autoestima. Este ano introdúcense ademais innovadoras propostas a prol da igualdade, como son os obradoiros de prevención da violencia de xénero ou a iniciativa ‘De profesión cidadás e cidadáns’.

+info: Carmen Novas Tel. 616 145 077 escolasenracismo@agareso.org