Outras novas
28/11/2016

Remata a xira dos contos solidarios da Tropa de Trapo por dez concellos socios do Fondo Galego

A Tropa de Trapo levou cos seus contos valores como a liberdade, o respecto e a igualdade a dez concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A entidade priorizou este ano as zonas rurais e desde o mes de xuño máis de 700 persoas gozaron das actuacións en Vilasantar, Miño, Laxe, San Sadurniño, Boiro, Pontedeume, Pontevedra, Ourense, Moeche e A Pobra do Caramiñal.

Aínda que a actividade se adaptou ao público proposto por cada concello, a iniciativa ía nun principio dirixida ás persoas adultas, que adoitan ter menos acceso aos espectáculos de contacontos e á educación en valores. Deste xeito, na maioría dos concellos se representaron os ‘Contos coas mans abertas’, dentro do Plan de Sensibilización do Fondo Galego, que conta co apoio da Xunta de Galicia. ‘Nicaragua’, ‘As mulleres de Torneiros’ e ‘O primeiro galego bosquimano da historia’ son os títulos das historias levadas a escena, cunha narración áxil, música en directo e boas doses de humor. O obxectivo é sensibilizar sobre a solidariedade, o traballo colaborativo, o empoderamento das mulleres, etc.

Marta Ortiz e Brais das Hortas, que desde 2010 levan convidando a reflexionar con esta proposta, mergullan ás e aos espectadores en historias reais, recollidas case todas en primeira persoa, contos sinceros e achegados que falan do fondo humano que nos une a todos. Sen caer en tópicos sobre a solidariedade e a cooperación, ‘Contos coas mans abertas’ defínese coma un espectáculo cheo de esperanza, de amor, de pequenas loitas e grandes soños. Son contos para mellorar o mundo e entendelo mellor.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 88 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido uns 150 proxectos en 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.