Outras novas
27/11/2018
Outras novas

Sábela Dávila, bolseira da Xunta de Galicia, acompaña á visita técnica da empresa iCarto S.L. en Mozambique, realizada ao abeiro do Proxecto SIXHIARA, financiado por Cooperación Galega

  • Sabela Dávila, que se atopa en Mozambique como beneficiaria dunha das bolsas de formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento, tivo ocasión de coñecer de primeira man o traballo desempeñado por iCarto S.L. no país

 

A empresa iCarto S.L., especializada nas áreas de Enxeñaría da Auga, Software Libre e Cooperación para o Desenvolvemento, realizou nas dúas semanas pasadas unha visita técnica dentro do marco do Proxecto SIXHIARA de “Fortalecemento institucional da Administración Nacional de Xestión do Recurso Hídrico (DNGRH) e das Administracións Rexionais de Auga (ARAs) de Mozambique”, financiado por Cooperación Galega.

O proxecto SIXHIARA ten por obxectivo o fortalecemento institucional no ámbito dos Sistemas de Información Xeográfica, a hidroxeoloxía e a hidroloxía dos equipos da DNGRH, da ARA-Norte e da ARA-Sul, responsables da planificación e a xestión do recurso hídrico en Mozambique. Dito fortalecemento ten como eixo fundamental a mellora do coñecemento do recurso e a potenciación das capacidades de xestión a través da consolidación dun Sistema de Información Nacional do Recurso Hídrico e da implementación de metodoloxías e procedementos de análise e cálculo innovadores.

Este proxecto naceu como complementario ao proxecto PATCO, liderado pola entidade pública Augas de Galicia e co-financiado pola Unión Europea, e vense desenvolvendo en varias fases desde 2012, atopándose actualmente no peche da Fase V e no inicio da Fase VI de execución (2018-2019).

Nesta visita o equipo técnico de iCarto realizou diversas formacións con persoal técnico da unidade de xestión de augas de Montepuez e na sede central da ARA-Norte en Pemba, provincia de Cabo Delgado, como últimas actividades da Fase V do proxecto. Así mesmo, realizouse un seminario de clausura no que participou persoal dos distintos departamentos, o Director da ARA-Norte e o Director da Dirección Provincial das Obras Públicas e Vivenda (DPOPH). Neste seminario presentáronse os resultados acadados ao longo destes anos, fíxose unha avaliación do traballo realizado e continuouse coa sistematización doutras necesidades detectadas que poidan dar froito a futuras colaboracións.

Por outro lado, traballouse tamén co equipo da ARA-Sul, cuxa sede central se atopa na capital, Maputo, e que é responsable da xestión das bacías do Sur do país. A ARA-Sul é a ARA de referencia de todo o país, e a que establece as pautas e metodoloxías de traballo para o resto de ARAs. O obxectivo desta visita foi o de presentar e dar inicio ao proxecto nesta ARA e en colaboración coa DNGRH, así como continuar coas capacitacións técnicas en materia de informática de sistemas e bases de datos, e no uso da aplicación SIRHAS, que iCarto ten desenvolvido especificamente para a mellora da xestión das ARAs.

A última actividade foi a realización dun seminario de difusión que contou coa participación de persoal das distintas ARAs do país e da DNGRH, así como doutras institucións públicas, co fin de crear sinerxías e poder ter un aproveitamento dos produtos desenvolvidos a nivel nacional. Participaron tamén consultores do proxecto NIWRMIS (Sistema Nacional de Información de Xestión Integrada de Recursos Hídricos) que está comezando a desenvolverse coa DNGRH e que é financiado polo Banco Mundial. Aproveitouse o encontro para manter conversas sobre posibles colaboracións e evitar así a duplicidade de traballos.

O proxecto SIXHIARA VI continuará a desenvolverse no próximo ano 2019, no que a empresa iCarto xa ten prevista unha nova visita para o mes de maio.