Outras novas
27/10/2015
Outras novas

Sete técnicos municipais colaboran en Cabo Verde e Nicaragua a través das Vacacións con Traballo

Persoal de seis concellos viaxou no último mes a Nicaragua e Cabo Verde para cooperar cos parceiros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade a través das Vacacións con Traballo, o programa de voluntariado internacional dirixido aos cadros das administracións locais e provinciais socias da entidade. Tres empregadas dos concellos de Bergondo e Monforte de Lemos regresarán do país centroamericano a comezos de semana, mentres que a finais chegarán do arquipélago lusófono tres técnicas e un técnico da Estrada, Redondela, Rianxo e A Pobra do Caramiñal.

As Vacacións con Traballo en Nicaragua desenvolvéronse coa colaboración da ONGD Instituto de Promoción Humana-Somoto e centráronse na elaboración dun diagnóstico comunitario con familias do lugar de Palmira. Para Belén Gómez, traballadora social do Concello de Monforte, foi “unha experiencia personal e profesional extraordinaria”, mentres que para Serezabel Rodríguez técnica en integración do Concello de Bergondo, supuxo “un punto de inflexión tanto na miña vida persoal coma profesional” e resultoulle “moi interesante a metodoloxía nicaraguana de traballo comunitario”. Tamén foi “unha oportunidade única para coñecer e comprender outras realidades” segundo Mónica Mourín, traballadora social da mesma vila que, porén, non participou na experiencia ocupando unha das seis prazas convocadas no programa, senón financiando a estadía pola súa conta.
Ana Ferradáns, axente de emprego do Concello da Estrada, e María José Villar, auxiliar de biblioteca no Concello de Redondela, áchanse en Cabo Verde apoiando á Cámara Municipal de Santa Cruz en materias como xestión do funcionariado e rexistro bibliotecario. “Cheguei pensando que atoparía un país pouco desenvolvido, menos democrático, e no entanto foi entrar no Concello e comprobar que o seu funcionamento é parello ao de calquera dos de Galicia: a mesma estrutura xerárquica, iguais problemas burocráticos, etc.”, comenta a primeira. “Profesionalmente, é un privilexio poder levar os meus coñecementos a outro contexto, aprender nel e gozar del. No persoal, constitúe unha vivencia única, cada día marabíllome da fermosura da paisaxe e a incrible amabilidade da xente”, opina a segunda.
No país africano, pero colaborando coa Cámara Municipal de Ribeira Grande, están tamén Ana Piñeiro, arquitecta do Concello de Rianxo, e Rubén López, técnico de administración financieira no Concello da Pobra. Para ela, “cando tes un bo interlocutor, o intercambio de experiencias, de puntos de vista, opinións, métodos de traballo e procedementos é fluída e pode ser moi enriquecedora para as dúas partes”. A el chamoulle a atención “o sentimento de comunidade tan arraigado e comprobar como a xente dedica o seu tempo libre a conversar cos demais; nunca falta quen bote unha man para sacar as barcas do mar”, engade.
Alén de realizar as tarefas de asesoramento correspondentes á súa especialidade, o voluntariado cumpriu tamén a función de supervisar os últimos proxectos de cooperación ao desenvolvemento impulsados polo Fondo Galego. En Nicaragua a prol do turismo sostible e do acceso á auga potable, e en Cabo Verde, para dinamizar a agricultura no municipio de Santa Cruz a través do rego por goteo e para fortalecer unha cooperativa de artesás en Ribeira Grande. No entanto, a finalidade principal das Vacacións con Traballo é sensibilizar fronte as desigualdades e a prol da solidariedade internacional. A experiencia das e dos participantes no programa, que este ano chegou á súa décima edición, pode seguirse no blog https://vacacionscontraballo.wordpress.com.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está formado por 87 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.