Unha arquitecta da Oficina de Vivenda e Rehabilitación do Concello de Vilagarcía de Arousa, Sara Besada, viaxou a Santiago de Cuba para apoiar a rehabilitación da cidade histórica, que quedou gravemente danada tras o paso do furacán Sandy. A técnica está a colaborar durante o mes de febreiro coa Oficina do Conservador a través de Vacacións con Traballo, o programa de voluntariado internacional do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
A través desta experiencia, Sara Besada puido coñecer de primeira man os proxectos promovidos pola entidade nos últimos anos para mellorar a habitabilidade no casco antigo, principalmente mediante a construción de baños e cociñas, a colocación de cubertas e o arranxo das instalacións eléctricas. “A situación que está a atravesar Santiago de Cuba nestes momentos é especialmente sensible, pois o paso do furacán Sandy en outubro arruinou, en tres horas,esforzos de moitos anos por recuperar a cidade”, comenta Besada.
A arquitecta arousá está a participar tamén na planificación da reconstrución da escola de Cayo Granma, ubicada na área declarada Patrimonio da Humanidade e practicamente destruída polo ciclón. Un proxecto que o Fondo Galego cofinanciará con 18.000 euros grazas á achega extraordinaria dun dos seus socios, o Concello de Vigo.