Planificación
01/12/2006
Plans Directores

I Plan director da Cooperación Galega 2006 - 2009

Aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia o 24 de abril de 2006, de conformidade co establecido no artigo 15 da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento.

O Parlamento de Galicia vén de aprobar por unanimidade o primeiro Plan director da Cooperación Galega que regulará e ordenará as actuacións nesta materia entre 2006 e 2009. Elaborado pola Dirección Xeral de Cooperación Exterior, inclúe a práctica totalidade das propostas feitas polos actores neste sector e recolle as emendas introducidas polos grupos parlamentarios da Cámara autonómica galega.

O Goberno galego fixouse o propósito de incrementar de xeito sostible os recursos públicos dedicados á axuda ao desenvolvemento. Con esta finalidade, comprometeu un incremento dos fondos dedicados á cooperación ata acadar o 0,4% dos orzamentos da Xunta no horizonte desta lexislatura. Para dar cumprimento a esta vontade, estableceu no texto do Plan director que se respectará un incremento anual mínimo do 50% con respecto ao exercicio anterior.

O Plan Director para a Cooperación Galega marca as estratexias da cooperación galega seguindo as prioridades xeográficas e sectoriais marcadas pola Dirección Xeral de Cooperación Exterior co respaldo unánime dos tres órganos asesores establecidos pola Lei galega de Cooperación -a Comisión Interdepartamental de Cooperación ao Desenvolvemento (CINCODE), a Comisión Interterritorial de Cooperación para o Desenvolvemento (CINTERCODE) e o Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (CONGACODE)-. Estas comisións, nas que están representadas os organismos da sociedade civil e as administracións local e autonómica, aprobaron o texto por unanimidade en febreiro de 2006.

Misión e principios

Misión

Mediante a cooperación para o desenvolvemento, a sociedade galega pon a disposición dos pobos máis pobres do planeta a súa experiencia histórica, os seus valores, activos e recursos; sumándose aos procesos existentes para combater a pobreza e as súas causas, promovendo activamente o dereito ao desenvolvemento, humano e sostible.

Principios

  • O ser humano debe constituír o centro dos esforzos do desenvolvemento
  • O desenvolvemento constitúe un proceso multidimensional e non simplemente económico
  • O desenvolvemento tense que concibir como opción de realización dos pobos
  • O desenvolvemento constitúe unha responsabilidade compartida
  • A xustificación última do proceso de desenvolvemento descansa na conquista efectiva dos dereitos para as persoas

Criterios xerais

  • O desenvolvemento perténcelle a cada pobo
  • A axuda é un compromiso entre doador e receptor
  • Promover a apropiación polos beneficiarios
  • Impulsar a participación social
  • Fomentar a autonomía do receptor
  • Coordinación e complementariedade de actores
  • Coherencia das actuacións públicas cos OD
  • Transparencia, eficacia e eficiencia
  • Resposta ás liñas de acción exterior, galegas e estatais
  • Integrar aos actores, respectando a súa independencia