O Plan anual da cooperación galega para o desenvolvemento da Xunta de Galicia centrará a súa actuación na sensibilización, a aposta polo comercio xusto, o consumo responsable e o fortalecemento do tecido da cooperación.
O orzamento destinado para estas actuacións será de preto de 6,7 millóns de euros, o que supón un incremento do 8,06% respecto ao do ano pasado.
A Xunta de Galicia vén de aprobar o Plan anual da cooperación galega para 2006, que orientará as accións da Dirección Xeral de Cooperación Exterior na sensibilización, na aposta polo comercio xusto, o consumo responsable e o fortalecemento do tecido da cooperación en Galicia. Trátase dunha aposta por unha política activa e integral na loita contra a pobreza e as súas causas.
O orzamento destinado para estas actuacións será de 6,7 millóns de euros, o que supón un incremento do 8,06% respecto ao do ano pasado.
Segundo se recolle no texto do plan “desde a Xunta de Galicia asúmese a loita contra a pobreza nun senso amplo" e como “unha misión que levaría a enfocar os esforzos da administración" a favor do “desenvolvemento integral, humano e sostible". Para esta tarefa -sinala-, “a sociedade galega quere poñer á disposición dos pobos máis pobres do Planeta a súa experiencia histórica, os seus valores e a súa cultura, os seus activos e os recursos".
Este plan anual supón a inclusión da cooperación como política transversal da acción do Goberno galego e constitúe unha ferramenta de traballo que establece un modelo de cooperación adecuada ás fortalezas e debilidades do sector en Galicia. Xunto co impulso orzamentario establecido nas liñas estratéxicas do Plan director da cooperación galega para o desenvolvemento 2006-2009, tratarase de agrupar sinerxías para acadar un maior impacto nas actuacións.
O traballo programado pola Dirección Xeral de Cooperación Exterior, guiado tamén polo compromiso da comunidade internacional cos 8 Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio adoptados pola ONU en 2000, terá dúas liñas prioritarias de acción: a sensibilización social e o fortalecemento do tecido galego da cooperación.
Sensibilización
O Executivo autonómico entende que a iniciativa da Cooperación Galega debe residir maioritariamente na sociedade pero tamén no goberno que a representa. Deste xeito, asume as tarefas de impulsar e canalizar as inquietudes sociais así como o fomento da interiorización da responsabilidade que as sociedades desenvolvidas teñen sobre a situación de empobrecemento dos países menos adiantados.
A actuación da Administración autonómica tenderá tamén a fomentar a implicación da cidadanía nos diversos proxectos que se poñan en marcha. Non se trata só de financiar actuacións concretas senón de traballar de xeito integral para o fin da pobreza e as súas causas. Neste contexto sitúanse tamén as accións de apoio ao comercio xusto e o consumo responsable. Trátase de conseguir que os consumidores sexan conscientes da importancia de orientar as súas compras cara a produtos de “comercio xusto", a suma de decisións individuais como modo de acadar un maior compromiso da sociedade galega cos valores que este tipo de comercio defende: a non explotación, a erradicación do traballo infantil e a utilización sostible dos recursos, entre outros.
A dotación económica para as convocatorias de axudas para actividades formativas e de sensibilización increméntase en 2006 un 44 %, acadando un importe total de 325.000 euros.
Fortalecemento do tecido asociativo
Como segundo obxectivo anual, o Goberno galego proponse fortalecer o tecido da cooperación para que os diversos actores deste eido estean comunicados e actúen de xeito coordinado, o que se traduce en mellor e maior impacto das iniciativas de cooperación. Os sistemas autonómico e local son especialmente propicios para impulsar iniciativas que favorezan a integración dos diversos actores nun mesmo ámbito de actuación.
As ONGD desempeñan un papel esencial como promotoras e xestoras de intervencións de desenvolvemento así como xeradoras de conciencia cidadá arredor dos valores da cooperación. Informes recentes poñen de manifesto certas debilidades neste sector. Coa finalidade de contribuír á súa consolidación e fortalecemento, este ano destinarase un total de 270.000 euros en 2006 para esta liña de subvencións, un 20,5% máis que o ano pasado. Preto de 6,7 millóns de euros.
O orzamento para actuacións en accións a favor do desenvolvemento acada en 2006 un total de 6.698.079 euros, o que supón un incremento do 8,06% sobre o de 2005.
A maior parte das partidas (o 70,87%) servirán para financiar as convocatorias públicas de axudas para proxectos de cooperación no exterior; de sensibilización e educación, e de consolidación e fortalecemento das ONGD. Cunha dotación menor, destinarase ao cofinanciamento de actuacións a través de convenios con entidades (principalmente institucións) galegas e do exterior o 15,7 % dos fondos, mentres que se achegará o 9,7% do orzamento para desenvolver proxectos conxuntos coa Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI), a través do Plan Operativo Xunta-AECI 2006.
O 3,73% restante utilizarase para financiar outras actividades co obxectivo de difundir o traballo en cooperación como por exemplo a creación dunha páxina web, campañas de publicidade, publicacións, entre outras.
Obxectivos
O traballo a desenvolver este ano 2006, estará enmarcado nos 8 obxectivos do I Plan director 2006-2009, aínda que se incidirá especialmente no primeiro, no segundo e no sexto, tal e como se desenvolve de seguido:
Sensibilización: Interiorización da Responsabilidade
Creación dun Plan de Comunicación.
3 Campañas de comunicación específicas.
Creación da páxina web.
Información da Sociedade: enquisa sobre coñecemento e apoio á cooperación galega.
Liñas Básicas Educativas: Fomento dunha educación para o desenvolvemento normalizada e estable.
Fortalecemento: Apoio ao tecido e crecemento institucional
Coordinación e comunicación institucional interdepartamental
Proceso completo: Impulso do ciclo do proxecto completo en Galicia.
Sinerxias: Iniciativas conxuntas con administracións locais e con países do Sur.
Iniciativa universitaria.
Comercio Xusto e Consumo Responsable: Análise e Impulso
Plan de Implantación
Difusión
Comenzar por un mesmo. Fomentar consumo de comercio xusto nas distintas institucións públicas galegas.
