Planificación
31/12/2007
Plans Anuais

Plan anual da Cooperación Galega 2007

O Plan Anual da Cooperación galega para o desenvolvemento da Xunta de Galicia centrará a súa actuación na realización dunha política activa e integral do fomento do coñecemento das desigualdades no mundo, de sensibilización e educación para o desenvolvemento, o fortalecemento de todos os actores do sistema galego de cooperación, a mellora da calidade técnica e operativa do sector, a procura de sinerxías cos sectores galegos con experiencia de valor para a cooperación e a elaboración das estratexias para as prioridades da cooperación galega.

O orzamento destinado para estas actuacións é de 9,3 millóns de euros o que supón un incremento dun 40% respecto ao ano pasado. Esta subida supón que practicamente o 0,1% do orzamento do Goberno galego se dedicará á cooperación internacional.

Do orzamento total, un 67,7% destinarase a convocatorias públicas de axudas dirixidas a proxectos de cooperación no exterior, un 21,8% achegarase ao cofinanciamento de proxectos de cooperación, formación e sensibilización; un 7,5% irá dirixido ao financiamento de proxectos conxuntos coa AECI a través do Plan Operativo Xunta-AECI 2007-2008 e un 3,3% será para actividades de difusión da cooperación galega: páxina web, campaña de comunicación e publicacións, entre outras accións.

Establécese tamén como prioritario destinar un máximo do 70% dos recursos da cooperación aos 17 países considerados prioritarios e a elaboración para casa un deles dun documento de estratexia de intervención. Tal e como quedou recollido no Plan Director estes estados son: Perú, Bolivia e Ecuador, en América do Sur; Guatemala, Nicaragua, Honduras e El Salvador, en Centroamérica; Cuba, República Dominicana e Haití, no Caribe e Angola, Cabo Verde, Guinea-Bissau, Mauritania, Mozambique, Namibia e Senegal, en África.

Mellora da calidade técnica e operativa do sector

Entre os obxectivos que marca o Plan Anual da Cooperación Galega para 2007 destaca o de mellorar a calidade técnica e operativa do sector. Para isto dende a Dirección Xeral de Cooperación Exterior estanse a poñer en práctica un conxunto de iniciativas con este fin. Entre elas, o financiamento das actividades formativas encamiñadas a coñecer a metodoloxía da formulación de proxectos co obxecto de que participen membros do sector da cooperación.

O aumento na adxudicación do número de bolsas é outra das accións coas que se pretende profesionalizar o sector en Galicia. Ademais espérase que neste 2007 se poña en marcha a Rede de Funcionarios Cooperantes Galegos, que permitirá a participación do funcionariado galego en iniciativas de cooperación ao desenvolvemento.

Busca de sinerxías

Aproveitar aqueles sectores galegos que poidan aportar máis valor e experiencia ás accións de cooperación é outra das prioridades que se contemplan para este ano. A pesca, a transferencia de tecnoloxía e de capacidades organizativas para o exterior, así como a xestión da saúde, a educación e os recursos naturais e de medio ambiente concentrarán a maior parte dos recursos da Dirección Xeral de Cooperación Exterior neste 2007. Un dos instrumentos utilizados para acadar estas sinerxías será a cooperación directa. Esta ferramenta de cooperación permite chegar a sectores e espazos aos que outros axentes galegos non chegan mediante a realización de proxectos integrais nos que se busca implicar ao maior número posible de persoas e institucións, tanto en Galicia como nos países receptores.

Simplificación de procedementos e elaboración de estratexias

Dedicarase unha especial atención á elaboración dos documentos estratéxicos de intervención. Estes documentos, denominados Plan de Actuación por País (PAP), pretenden evitar a dispersión das accións realizadas polos axentes da cooperación galega, de xeito que estas se orienten cara intervencións máis activas e integrais. No eido da xestión, o Plan Anual da Cooperación para 2007 contempla a simplificación de procedementos burocráticos na xustificación de proxectos, de xeito que se poidan adaptar ás especiais dificultades nas que se desenvolve o traballo no exterior, en particular nos países en vías de desenvolvemento.

Obxectivos

Realizar unha política activa e integral de fomento do coñecementos das desigualdades no mundo, de sensibilización e educación para o desenvolvemento

Educación para o desenvolvemento normalizada e estable Redes de intercambio de experiencias e solidariedade Avaliación e seguimento do impacto das accións de comunicación Identificación de pautas de coñecemento compartidas Fomento de Internet Encontros de deseño e avaliación entre os axentes

Fortalecemento de todos os actores do sistema galego de cooperación

Pulo da capacidade directiva e coordinación da Dirección Xeral de Cooperación Exterior Traballo conxunto Consellerías – departamentos Iniciativas de consolidación e fortalecemento de ONGD Fortalecer a Coordinadora Galega de ONGDs Iniciativas conxuntas de cooperación local (FOGACOSOL) Integración de universidades galegas e resto de axentes Encontro entre actores Informe Cero e memoria anual da cooperación galega

Mellora da calidade técnica e operativa do sector. Orientación cara o cumprimento de obxectivos

Plan Anual de Avaliacións Externas da Axuda Encontros de Avaliación dos proxectos Cursos e formación integral para os actores da Cooperación Investigación das causas do subdesenvolvemento, os novos xeitos da cooperación, o aumento da calidade e da experiencia compartida Avaliación e mellora técnica do tecido galego de cooperación Incremento das bolsas de formación Financiamento da contratación de cooperantes especializados Participación do funcionariado

Ampliación dos instrumentos da cooperación galega

  • Potenciar liñas de finanzamento a ONGD e outros axentes de cooperación
  • Simplificación de procedementos burocráticos nas xustificacións
  • Normalización de procedementos e formularios
  • Optimización do recurso aos convenios
  • Modificación do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación
  • Fundación Axencia Humanitaria de Galicia
  • Reformular a convocatoria de Axuda Humanitaria

Implicación e procura de sinerxías cos sectores galegos con experiencia de valor para a cooperación

  • Desenvolvemento rural
  • Riqueza pesqueira
  • Medio ambiente
  • Enerxía alternativa e das comunicacións
  • Economía social
  • Codesenvolvemento
  • Descentralización política

Fomento do comercio xusto e consumo responsable

  • Plan de implantación e comercialización
  • Difusión da realidade , características e obxectivos
  • Relación con empresas da economía social galega
  • Apoiar o comercio xusto en todos os medios de axuda
  • Comercio xusto e consumo responsable na Administración

Elaborar estratexias para as prioridades da cooperación galega

Mínimo 70% dos recursos aos 17 países prioritarios 10% - 20% dos fondos aos Países Menos Avanzados Ponderación na asignación de recursos Documento estratexia de intervención por cada país.