O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 3 de febreiro de 2022 e logo do informe favorable do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento, deu o visto e prace ao proxecto de acordo polo que se prorroga para o 2022 o IV Plan Director da Cooperación Galega 2018-2021.
Hoxe en día os países socios prioritarios da Cooperación Galega seguen tendo que afrontar as consecuencias máis negativas do impacto da pandemia e tamén da crise sanitaria, económica e social derivadas da COVID-19.
Polo tanto resulta necesario que continúe vixente a Estratexia de resposta á COVID-19 da Cooperación Galega, instrumento que permite concentrar os recursos de forma eficiente nas demandas e necesidades dos países e comunidades sociais durante o actual proceso de afrontamento da pandemia.
A consecuencia directa da vixencia da Estratexia de resposta á COVID-19 da Cooperación Galega é a prórroga durante o ano 2022 do IV Plan Director da Cooperación Galega 2018-2021.