Nota informativa dirixida ás entidades inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento
Segundo o disposto no Decreto 29/2017, do 9 de marzo, de cooperación para o desenvolvemento, na súa disposición transitoria única, os axentes de cooperación inscritos no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento con anterioridade á entrada en vigor do decreto deberán adecuar a súa inscrición no devandito rexistro, rematando o prazo o vindeiro 12 de abril.
En virtude do anterior, enviouse ás entidades inscritas no Rexistro unha notificación electrónica coa información relativa ao proceso de adecuación da inscrición, a fin de que procedan a súa regularización no prazo marcado.
Así, no prazo sinalado, deben actualizar os datos que constan neste Rexistro ou comunicar a ausencia de variación neles.
Como proceder para actualizar os datos no Rexistro?
A actualización debe realizarse de forma exclusivamente electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal), procedemento PR805B - Modificación da inscrición no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento. Xunto coa documentación acreditativa da/s modificación/s efectuada/s, deben achegar o documento xustificativo do pagamento da taxa correspondente, de acordo coa lexislación vixente.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co previsto na normativa reguladora do procedemento administrativo, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Como proceder no caso de que non sexa necesario actualizar os datos inscritos, ben por non ter sufrido variación ou ben por ter procedido á comunicación da última variación con anterioridade á notificación electrónica na que se informaba do proceso de adecuación?
Se non fose necesario actualizar ningún dos datos inscritos, tamén deben comunicar este feito. Neste caso, é necesario que empreguen o servizo PR004A - Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado e acheguen unha certificación da secretaría e/ou declaración responsable da persoa representante legal na que deixe constancia deste feito. Neste suposto non será necesario o pagamento de taxa.
Por último lémbrase que, no caso de que a entidade non proceda á regularización no prazo concedido para o efecto, procederase á cancelación da inscrición de oficio.