Publicación da Orde pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de programas de educación transformadora e de innovación e comunicación social a executar polas organizacións non gobernamentais de desenvolvemento e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento PR803E)
Esta convocatoria enmárcase no cumprimento do vixente V Plan director da Cooperación Galega 2023-2026 que, no seu apartado de modalidades e instrumentos de axuda, propón a publicación dunha convocatoria de programas de educación para a cidadanía global, e na súa liña de acción 2.3 incrementar os fondos dirixidos a actuacións con marcos de planificación plurianuais, establecendo que durante a vixencia deste Plan promoveranse os programas no exterior e de educación para a cidadanía global, co fin de mellorar o alcance e impacto das actuacións financiadas. Igualmente, o Plan anual 2026 da Cooperación Galega recolle a convocatoria destas axudas.
O obxecto desta convocatoria é a regulación da concesión de subvencións ás organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento, para a execución de programas de cidadanía global en dúas modalidades:
- Programas de educación transformadora: Programas que axuden á creación e consolidación dunha cidadanía obxectiva, crítica e comprometida cos valores e políticas de desenvolvemento a través da sensibilización, a formación, a mobilización e a incidencia. É necesario que as propostas incorporen a visión Sur, sexan relevantes para a cooperación para o desenvolvemento e que o seu contido estea directamente vinculado con este área.
- Programas de innovación e comunicación social: Programas que, a través de metodoloxías innovadoras e de comunicación social, fagan visible na sociedade as políticas de cooperación e os seus enfoques, as intervencións de cooperación ao desenvolvemento e acción humanitaria desenvolvidas con anterioridade ou das que estea prevista a súa execución tanto polo solicitante como polos seus socios/aliados ou que conecten realidades xerando redes de apoio mutuo e fortalecendo as alianzas entre o Norte e o Sur Global.
As entidades beneficiarias deberán ser organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento que estean inscritas na sección A do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento e poderán tamén presentarse en agrupación con outras entidades, sempre que estean inscritas en dito rexistro en calquera dos seus apartados
As entidades poderán presentar un programa, como máximo, independentemente da súa condición de entidade solicitante ou agrupada.
Os programas terán unha duración mínima de 25 meses e máxima de 36 meses, e poderán financiar actuacións dende o 1 de xaneiro de 2026 ao 31 de decembro de 2028.
A dotación orzamentaria ascende a 720.000 € (180.000 € no 2026, 270.000 € e no 2027 e 270.000 € no 2028). A Xunta de Galicia poderá financiar ata un 95% do orzamento total do programa, se ben, a subvención concedida non superará en ningún caso os 90.000 €, no caso de programas de Educación transformadora e 110.000 € no caso de programas de Innovación e comunicación social.
As solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes contado dende o día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. O prazo de presentación remata o 25 de xuño de 2026.