Novas de Cooperación Galega
15/06/2018
Convocatorias

Resolución da convocatoria de subvencións para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior, no marco da Orde do 28 de marzo de 2018

No DOG do 16 de abril publicouse a Orde do 28 de marzo de 2018, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de competencia competitiva, para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior e se procede a súa convocatoria para o ano 2018.

O obxecto da orde é establecer o marco normativo que regula a concesión de subvencións da Xunta de Galicia para proxectos de acción humanitaria no exterior que executarán as organizacións non gobernamentais no ano 2018.

Enténdese por proxectos de acción humanitaria, consonte á iniciativa da Boa Doazón Humanitaria (GHD, nas súas siglas en inglés) aqueles destinados a salvar vidas, aliviar o sufrimento e manter a dignidade humana durante e despois das crises- provocadas por seres humanos ou por desastres naturais-, así como previr e reforzar a capacidade de resposta para cando se produzan estas situacións.

A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE fai pública a resolución do 13 de xuño de 2018, da convocatoria de subvencións para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior.

No marco desta convocatoria, dotada cun orzamento total de 300.000,00 € para proxectos de acción humanitaria no exterior, que se desenvolvan entre o 1 de xaneiro a 31 de decembro de 2018, presentáronse un total de 8 propostas.

Unha vez avaliadas todas as solicitudes, un total de 5 proxectos obteñen a puntuación suficiente para seren aprobados e todos eles serán financiados.

Os proxectos subvencionados permitirán: dar resposta a crises esquecidas e de longa duración como a da República Democrática do Congo ou a República Centroafricana; facer fronte á continua crise alimentaria no Sahel, cunha intervención en Burkina Faso;  ademais de atender a sempre precaria situación en Palestina e Haití, da man de organizacións destacadas pola súa labor no ámbito humanitario, que contan con socios locais de referencia neste ámbito.