Novas de Cooperación Galega
15/06/2020
Xeral

A Xunta e Farmamundi colaboran nunha iniciativa destinada á prevención e ao control do COVID-19 en Mozambique

  • A intervención permitirá atender a máis de 730 persoas que recibirán lotes de hixiene e coñecerán as medidas que deben levar a cabo para contribuír a reducir o risco de propagación do virus
  • O Goberno galego e a ONGD Farmamundi veñen colaborando en distintas actuacións para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano

 

A Xunta de Galicia, en colaboración coa ONGD Farmamundi, activou o convenio de colaboración entre ambas entidades para actuar ante emerxencias humanitarias, co obxectivo de levar a cabo unha intervención de prevención e resposta á pandemia do coronavirus en Mozambique, en concreto, na provincia de Manica.

A actuación levarase a cabo cunha ONGD local para mellorar a preparación da poboación en zonas como o distrito de Sussudenga ou Manica ante o COVID-19 mediante o subministro de lotes de hixiene e o reforzo da concienciación para previr a propagación do virus con boas prácticas de hixiene e de lavado de mans, seguindo as indicacións das autoridades sanitarias.

Esta iniciativa permitirá atender a unhas 732 persoas, que recibirán 366 kits e coñecerán os aspectos hixiénicos necesarios para previr o contaxio do virus. Ademais, colocaranse carteis con información sobre como proceder a reducir o risco de proliferación do coronavirus nos lugares máis transitados pola poboación como mercados, igrexas, hospitais ou escolas.

A poboación de Mozambique atópase nunha situación complicada debido a que a debilidade dos sistemas de saúde dos países de África subsahariana limita a capacidade de resposta ante brotes de enfermidades como o COVID-19 que requiren dunha asistencia inmediata e medidas urxentes.

Ademais, a provincia de Manica, que xa se viu afectada polo paso do ciclón Idai en marzo de 2019, conta cun emprazamento de desprazamentos internos cunha elevada densidade de poboación e non dispón de servizos sanitarios preparados para facer fronte a un brote pola expansión do virus.

Debido á evolución epidemiolóxica do coronavirus en Mozambique, impuxéronse restricións no transporte público e espérase que a situación poida empeorar, o que terá consecuencias directas na seguridade alimentaria debido a que a carencia de alimentos é outra das ameazas neste país, xunto co COVID-19.

 

Colaboración desde 2009

Esta actuación súmase a outras que Xunta e Farmamundi realizan conxuntamente dende o ano 2009 no marco dos convenios de colaboración para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano.

O obxecto destes convenios é o de realizar as actuacións que ambas partes acorden, de cara a atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, con especial énfase nos colectivos máis vulnerables, mediante a provisión inmediata de bens e servizos esenciais para a supervivencia (auga, abrigo, medicamentos, atención sanitaria ou outro material de primeira necesidade) e paliar o sufrimento das poboacións afectadas por crises de longa duración e desequilibrios crónicos e estruturais, con énfase en países e poboacións de menor Índice de Desenvolvemento Humano (IDH).

O convenio de colaboración actívase cada vez que acontece unha emerxencia, previa negociación e solicitude por parte de Farmamundi. A activación destes convenios nos anos anteriores permitiu dar resposta inmediata e coordinada coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e o sistema das Nacións Unidas, a diferentes emerxencias acaecidas, entre elas: os tifóns Ketsana e Haiyan en Filipinas, o furacán Ida no Salvador, o terremoto e a epidemia de cólera en Haití, a crise humanitaria en Somalia e República Democrática do Congo, as emerxencias por causa da choivas no Salvador e Nicaragua, a crise alimentaria no Sahel ou o conflito en Siria e a situación en Palestina.