Outras novas
31/10/2018
Outras novas

Galicia e Perú fusionan o medio ambiente e o turismo rural entre fogóns solidarios

  • As ONGD Taller de Solidaridad e Entreculturas achegan os proxectos produtivos que apoian en Perú aos produtores e entidades galegas
  • Os representantes dos proxectos do CCAIJO e SAIPE visitan Galicia do 5 ao 9 de novembro para intercambiar experiencias e coñecementos cos seus homólogos galegos
  • Darán a coñecer á Xunta de Galicia os avances conseguidos no desenvolvemento produtivo rural e ambiental na selva e a serra andina, grazas ao seu apoio ao longo do últimos dez anos
  • Ambas delegacións e os seus colegas galegos convidan aos lucenses a coñecer estes proxectos de desenvolvemento produtivo e a degustar receitas peruanas elaboradas con produtos de Galicia da man do chef lucense Álvaro Villasante, no restaurante Paprica, o martes día 6 ás doce do mediodía

 

As delegacións da Asociación Jesús Obrero (CCAIJO) e do Servizo Agropecuario para a Investigación e Promoción Económica (SAIPE) de Perú visitan Galicia do 5 ao 9 de novembro da man das ONGD Taller de Solidaridad e Entreculturas, que levan máis de once anos apoiándolles no desenvolvemento rural e ambiental da serra e a selva andina.

Esta visita forma parte da estratexia de cooperación ao desenvolvemento que esta ONGD marcouse, na que a cooperación non pasa unicamente polo envío de fondos, senón que introduce outras formas de cooperar entre países, entidades públicas, entidades privadas e entre as persoas protagonistas destes procesos, buscando o coñecemento directo e o intercambio de experiencias profesionais e culturais a través de visitas e de asistencias técnicas.

A delegación do CCAIJO, co seu director á cabeza, Luís Casallo, terá a oportunidade de compartir cos seus homólogos galegos o traballo que realizan con 189 produtores e produtoras rurais para superar a pobreza e a exclusión da poboación na provincia de Quispicanchi, na serra andina. Contribuíron a que as familias campesiñas desenvolvan capacidades para a xeración de ingresos a través das súas granxas de cuyes (roedor comestible de América do Sur, principal ingrediente dun dos pratos representativos da gastronomía peruana) e de produtos lácteos. Na actualidade están a apoiar, xunto a Taller de Solidaridad e Entreculturas, coa colaboración da Xunta de Galicia, un proxecto para o desenvolvemento dunha ruta agroalimentaria gastronómica ao longo da estrada interoceánica sur, entre os distritos de Ccatcca e Ocongate, articulando a produción e o consumo dos produtos agropecuarios locais, baixo un enfoque de desenvolvemento económico local inclusivo e produción sustentable. Pola súa banda, o coordinador de SAIPE, Leonardo Ujukam, intercambiará con entidades e organizacións galegas a súa experiencia ao cargo dun proxecto que se centra na capacitación e o manexo sustentable dos recursos naturais agropecuarios de 8 comunidades indíxenas Awajún, na conca do río Nieva (selva amazónica peruana).

Esta iniciativa beneficiou a máis de 2.400 persoas grazas á aprendizaxe de novas técnicas para exercer menos presión sobre os bosques e mellorar os seus chans para a agricultura. Ademais, estas persoas puideron articularse en cadeas comerciais con produtos como o cacao, o plátano ou a troita, e incrementaron os seus ingresos a través da comercialización da súa produción nos mercados locais. Nesta mellora dos chans, a biodiversidade e a comercialización, a muller tivo unha destacada participación dado o seu papel fundamental na seguridade alimentaria e a economía da familia.

O proxecto conta tamén cun programa de formación e acompañamento desde Radio Kampagkis como soporte educo-comunicacional. Nesta zona a radio convértese no principal medio de difusión e unión entre as comunidades. Como puideron comprobar Josefina Neto e Diana Crespo, voluntarias internaciones de Taller de Solidaridad, tras a súa colaboración na radio, este medio de comunicación xoga un papel fundamental para a implementación de calquera programa rural e pedagóxico. Ambas iniciativas teñen o seu espello galego no que poderán verse reflectidos estes días grazas ás visitas que realizarán á Casa das Insuas (Rábade - Lugo), á Comunidade de Montes de Carballo (Friol - Lugo), ao Centro Tecnolóxico da Carne (San Cibrao das Viñas - Ourense), á Cooperativa quesera Como Cabras (Ourense) e ao Proxecto turístico-gastronómico-empresarial da Lamprea (Arbo, Salvaterra e Porriño - Pontevedra). Ademais, serán recibidos na Dirección Xeral de Relacións Exteriores e a Subdirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia e a Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo, onde se expoñerán os proxectos LIFE In Common Land (Serra do Xistral) e LIFE Biodinámico.

O intercambio de experiencias rurais e ambientais terminarase de cociñar nos fogóns do restaurante lucense Paprica o vindeiro martes 6 ás doce do mediodía. Ambas as delegacións e os seus colegas galegos terán a oportunidade de convidar aos lucenses a coñecer estes proxectos e a degustar pratos típicos peruanos elaborados con produtos de Galicia polo chef Álvaro Villasante.

Para coñecer o itinerario completo da visita do CCAIJO e SAIPE en Galicia entre o 5 e o 9 de novembro, clic aquí