Proxectos

Apoio á mellora da calidade de vida do sector pesqueiro e marisqueiro artesanal en condición de vulnerabilidade e pobreza da Bahía da Unión

O proxecto representa unha segunda etapa derivada da avaliación dos resultados e das conclusións e leccións aprendidas dunha intervención anterior da Cooperación Galega na mesma zona e sector de intervención executada no período 2009-2010. O diagnóstico da situación actual do desenvolvemento pesqueiro, que se realizou mediante unha identificación participativa cos grupos de beneficiarios/as e actores locais, mostra un sector de pesca legalizado (ou en proceso de legalización) e organizado, pero con enormes debilidades para poder mellorar os rendementos da súa cadea de produción e comercialización. Segundo o Mapa Nacional de Pobreza Extrema, elaborado polo Fondo de Investimento Social para o Desenvolvemento Local, os catro municipios de intervención (Conchagua, Pasaquina, San Afasto e A Unión) atópanse no rango de pobreza extrema baixa a moderada.

Para reverter esta situación necesítase un esforzo dirixido cara ao fortalecemento das capacidades internas das cooperativas e a Unión de Cooperativas. Coa execución do presente proxecto contribuirase a mellorar a calidade de vida do sector pesqueiro e marisqueiro artesanal, a través da mellora da capacidade produtiva e comercial conservando os recursos de manglar existentes na Bahía da Unión.

O proxecto pretende beneficiar directamente a 331 persoas, das cales 129 son mulleres, dedicadas á pesca e comercialización artesanal organizadas en 11 cooperativas pesqueiras e marisqueiras. Nun prazo de 15 meses, espérase que fortalezan as súas capacidades organizativas, produtivas e de comercio e favoreceuse a inclusión das mulleres nos postos de decisión. No ámbito da conservación dos recursos naturais, espérase influír positivamente na recuperación dos manglares da zona involucrando activamente a centros escolares e á sociedade civil nas tarefas de reforestación e promoción e sensibilización ambiental.

Ano: 
2012
Instrumento de financiamento: 
Convocatoria Proxectos no exterior ONGD
Rexión: 
Centroamérica e Caribe
País: 
O SALVADOR
Zona de actuación: 
Bahía da Unión
Axentes: 
AMIGOS DA TERRA GALICIA-XUVENTUDE
Código CRS: 
31320 - Desenvolvemento pesqueiro
Obxectivos: 

Obxectivo Xeral: Contribuír a mellorar a calidade de vida do sector pesqueiro e marisqueiro artesanal en condición de vulnerabilidade e pobreza da Bahía da Unión.
Obxectivo Específico: Mellorada a capacidade produtiva do sector pesqueiro e marisqueiro artesanal mediante o uso de tecnoloxía apropiada, a conservación dos manglares e a participación activa da muller na Bahía da Unión.

Resultados e actividades: 

Resultado 1.1.:Fortalecidas as capacidades organizativas, produtivas e de comercio das cooperativas pesqueiras e marisqueiras artesanais, con enfoque de xénero, mediante o uso de tecnoloxías apropiadas.
Actividades:
A.1.1.1.: Realizar un diagnóstico rápido, con enfoque de xénero, para a identificación e desenvolvemento dun comercio local.
A.1.1.2.: Equipar a cooperativas pesqueiras e marisqueiras artesanais para mellorar a produción e comercialización dos seus produtos.
A.1.1.3.: Executar un plan de capacitación para mellorar os coñecementos técnicos no mantemento dos seus equipos pesqueiros e marisqueiros.
A.1.1.4.: Desenvolver talleres de xénero dirixidos aos pescadores e pescadoras do proxecto para aumentar a autoestima da muller.
Reultado 1.2.2.: Recuperados e conservados os manglares da bahía da Unión.
Actividades:
A.1.2.1.: Conformar e capacitar un comité ambiental comunitario para a conservación dos recursos mariño-costeiros da bahía da Unión e recoñecido polo Ministerio de Medio Ambiente e Recursos Naturais.
A.1.2.2.: Conformar e capacitar a brigadas ambientais escolares para fortalecer as accións de conservación dos comités ambientais comunitarios.
A.1.2.3.: Impulsar xornadas de reforestación do Mangle na Bahía da Unión, en coordinación co Ministerio de Medio Ambiente e Unidades de Medio Ambiente Municipais.
A.1.2.4.: Campaña de promoción e sensibilización ambiental para centros escolares e sociedade civil.

Poboación beneficiaria: 

Directa: 331 persoas (38% mulleres).
Indirecta: 17.000 persoas (51% mulleres).

Axudas: 

147.827,00 (2012: 44.348,10; 2013: 103.478,90)