Proxectos

Avaliación espacial do cambio climático recente na República de Cabo Verde: bases para a adaptación

O obxectivo xeral do proxecto é xerar un coñecemento científico do cambio climático recente na República de Cabo Verde, coma base para o desenvolvemento de políticas públicas orientadas á adaptación. Os países en desenvolvemento son os máis vulnerables aos impactos do cambio climático pola falta de recursos sociais, tecnolóxicos e financeiros. As políticas de acción fronte ao cambio climático son unha prioridade na Axenda 2030 das Nacións Unidas, e neste contexto a adaptación ao cambio climático unha necesidade de primeira orde, en especial para os países en vías de desenvolvemento. A carencia de estratexias e plans de adaptación pode por en perigo o progreso económico e social. Pola súa situación latitudinal, e diferencias en altitude e exposición aos fluxos atmosféricos (barlovento/sotavento), o arquipélago de Cabo Verde mostra unha heteroxeneidade climática de especial interese e, polo tanto a vulnerabilidade ante o cambio climático presentará unha heteroxeneidade espacial. A adaptación ao cambio climático precisa primeiramente dunha investigación aplicada para xerar un coñecemento espacialmente explícito. O propósito é realizar unha avaliación cuantitativa dos riscos do cambio climático, con particular énfase nos fenómenos meteorolóxicos extremos (temperatura, precipitación, secas entre outros), analizar súa variabilidade espazo-temporal e tendencias. Determinarase os indicadores de cambio climático e os principais riscos definidos pola vulnerabilidade territorial mediante métodos multicriterio e cartografía de alta resolución espacial, co propósito de xerar as bases necesarias para o seguimento do cambio climático no arquipélago.

Ano: 
2021
Instrumento de financiamento: 
Convocatoria de investigación para o desenvolvemento
Rexión: 
África
País: 
CABO VERDE
Axentes: 
UNIVERSIDADE DE VIGO
Código CRS: 
41082 - Investigación medioambiental
99820 - Sensibilización sobre os problemas relacionados co desenvolvemento
Obxectivos: 

Obxectivo xeral: Contribuír de forma significativa ao coñecemento espacial do clima e o cambio climático recente na República de Cabo Verde, a súa variabilidade e vulnerabilidade territorial. O fin é cooperar á efectividade das políticas públicas orientadas a promover a adaptación ao cambio climático.

Obxectivos específicos:

OE 1. Xerar modelos espaciais de alta resolución de variables do clima e indicadores do cambio climático, en especial de fenómenos extremos e eventos de seca, tipificar tendencias e cartografiar a súa variabilidade espacial.

OE 2. Explorar a interdependencia entre a temperatura da superficie terrestre e a temperatura do aire e a súa utilidade para o seguimento das diferenzas asociadas ao cambio climático.

OE 3. Analizar o risco espacial derivado do cambio climático recente en Cabo Verde e os principais riscos sectoriais.

OE 4. Xerar ferramentas para a adaptación ao cambio climático, incluíndo a concienciación da poboación.

Resultados e actividades: 

O resultado esperado é obter unha diagnose científica e espacialmente explícita para coñecer e comprender a variabilidade xeográfica do clima e o cambio climático na República de Cabo Verde e a vulnerabilidade social, útil para avaliar os riscos do cambio climático e xerar ferramentas xeoespaciais para planificar a adaptación ao cambio climático e sensibilizar á poboación.

Para isto, realizaranse as seguintes actividades:

1. Documentación e lectura de bibliografía:

- Avaliar o estado da arte en materia de clima e cambio climático en Cabo Verde.

- Documentación sobre o estado actual das políticas públicas orientadas a combater o cambio climático.

- Contexto social e económico da República de Cabo Verde.

- Busca e lectura das mellores aproximacións en materia de indicadores de clima e cambio climático.

2. Xeración e tratamento de bases de datos:

- Obtención de datos climáticos das estacións manuais e automáticas da rede de observatorios do INMG.

- Descarga de imaxes de satélite NASA (National Aeronautics and Space Administration) ou USGS (United States Geological Survey).

- Preprocesamento dos datos climáticos a nivel de estación.

- Homoxeneización das series climáticas mediante software especializado (CLIMATOL).

- Recompilación de datos socioeconómicos de fontes oficiais (INE) e de bases de datos cartográficas (Instituto Nacional de Xestión do Território).

3. Xeración de produtos cartográficos e análise espacial:

- Elaboración dun modelo espacial de alta resolución para o arquipélago de Cabo Verde que inclúa variables coma a distancia a costa africana, exposición das vertentes, altitude e latitude entre outros.

- Elaboración de cartografía climática a alta resolución (100x100 m) mediante aplicación de Sistemas de Información Xeográfica (SIX), en concreto ArcGis 10.8, sobre variables indicadoras do clima e o cambio climático.

- Elaboración de produtos cartográficos derivados para avaliar a vulnerabilidade poboacional, de ecosistemas e os principais riscos sectoriais asociados ao cambio climático.

- Análise espacial e estatísticas sintéticas de cartografía do cambio climático, vulnerabilidade e riscos.

4. Difusión e explotación de resultados:

- Difusión na Universidade de Cabo Verde mediante encontros co equipo investigador da institución.

- Difusión na comunidade educativa galega e caboverdiana mediante charlas e coloquios en centros educativos con principais resultados da investigación.

- Difusión nas institucións caboverdianas mediante informes de resultados e entrega do material cartográfico xerado (Istituto Nacional de Meteorología e Geofísica, Ministério de Agricultura e Ambiente, Instituto Nacional de Gestão do Território).

- Publicacións de artigos científicos e post en revistas especializadas e na web.

- Produción de pezas de material audiovisual.

- Produtos de webmapping (xeración dun visor de acceso público cos resultados cartográficos desenvolvidos).

- Actividades de formación e transferencia de coñecemento sobre cambio climático entre as institucións universitarias participantes (UVigo e UniCV).

- Participación en congresos científicos.

Poboación beneficiaria: 

Directa: O equipo de investigación, formado por 5 investigadores (2 mulleres e 3 homes) pertencentes á Universidade de Vigo, á Universidade de Cabo Verde e á Fundación Matrix.
Indirecta: Poboación de Cabo Verde.

Axudas: 

Axuda Xunta de Galicia: 30.000 € (2021: 15.000 €; 2022: 15.000 €)