Proxectos

C-04-11 Fortalecemento da Coordinadora Galega de ONGD. Execución do Plan Estratéxico no ano 2011

A cooperación galega ao desenvolvemento vive momentos de cambio e transformación por mor dos procesos internacionais que están a configurar os elementos básicos dunha nova arquitectónica da axuda. En concreto, os marcos de referencia internacionais (Declaración do Milenio, Consenso Europeo sobre Desenvolvemento, Declaración de París sobre Eficacia da Axuda) e estatais (III Plan Director da Cooperación Española ao Desenvolvemento) están a configurar unha nova axenda da axuda onde aspectos chaves como a apropiación, coordinación, aliñamento, harmonización, eficacia da axuda, rendición de contas, xestión para resultados, etc,... van afectar o rol das ONGD e os seus mecanismos de xestión da axuda. Neste contexto de cambio, o novo Plan Director da Cooperación Galega ven de establecer un novo marco institucional de traballo que recoñece a transcendencia dos cambios salientados e ante os cales as ONGD galegas han de ser quen de consolidar a súa capacidade para liderar o cambio e xestionar os novos procesos, mecanismos e instrumentos a través do traballo conxunto e en rede.
A Coordinadora Galega de ONGD, como asociación que integra a 51 ONGD, ten recibido desde 2005 o apoio financeiro da Xunta de Galicia para o seu fortalecemento institucional. Este apoio tense traducido na contribución activa da Coordinadora Galega de ONGD ao fortalecemento da cooperación galega ao desenvolvemento, en especial, do sector das ONGD.
Grazas aos diversos convenios de colaboración subscritos entre a Xunta de Galicia e a CGONGD, tense consolidado un modelo organizativo e asociativo, que se reflicte no establecemento dunha estrutura funcional acaída ás demandas do sector. Como consecuencia deste apoio, tense mellorado a calidade dos servizos ofrecidos pola CGONGD, tanto a través da consolidación dos recursos humanos da Secretaría Técnica como da mellora da planificación e da orientación a resultados do traballo da CGONGD ao abeiro do seu Plan Estratéxico 2009-2011. Así mesmo, dentro deste modelo organizativo, existe un amplo consenso en que a aplicación, difusión e seguimento do cumprimento do novo Código de Conduta das ONG para o Desenvolvemento, aprobado en novembro de 2009, representará un eido de traballo fundamental por canto permitirá mellorar a calidade, transparencia, rendición de contas, eficacia e lexitimidade das ONGD galegas. Por último, a CGONGD ten impulsado activamente a participación das ONGD integradas nos espazos da CGONGD, o traballo en rede e a presenza institucional e pública do sector das ONGD en Galicia.
En relación ao seu modelo institucional e de relacións externas, a CGONGD ten consolidado o recoñecemento público e a visibilidade en Galicia do sector das ONGD, en particular, e da cooperación galega ao desenvolvemento, en xeral. Ademais, ten potenciado o traballo en rede a través das súas Comisións de Traballo (Normativa e Código de Conduta, Comercio Xusto e Consumo Responsable, Educación para o Desenvolvemento, Incidencia Política e Xénero), creando novas comisións, xerando sinerxías e innovación, posicionamentos conxuntos, aprendizaxes compartidas e novas oportunidades de colaboración e integración con redes e espazos de traballo a nivel español e europeo.
Durante o proceso de elaboración do Plan Estratéxico 2009-2011 realizouse unha diagnose participativa tanto da CGONGD como do sector das ONGD en relación á cooperación galega ao desenvolvemento no que se detectaron as problemáticas que se describen a seguir na árbore de problemas dos seus órganos funcionais.
Entre as diversas alternativas existentes, a estratexia que a CGONGD ten establecido para abordar estas problemáticas contense no Plan Estratéxico 2009-2011, ao abeiro do cal se deseñan cadanseus Plans de Acción 2011 da CGONGD e para a execución dos cales se solicita o financiamento da Xunta de Galicia.
Durante a breve vixencia do Plan Estratéxico 2009-2011 xa se teñen dado os pasos necesarios para implementar as reformas organizativas e operativas esixidas polo Plan co fin de acadar os seus obxectivos. Neste senso salientamos, entre outras, a reestruturación funcional da Secretaría Técnica, a nova páxina web da CGONGD, a aprobación de novos estatutos e regulamento de réxime interno e a aprobación de novo Código de Conduta.
Xa que logo, este proxecto de fortalecemento impulsará, a través das accións para as que se solicita financiamento, as seguintes orientacións do Plan Estratéxico 2009-20011:
1. O apoio ao crecemento e desenvolvemento do sector da cooperación ao desenvolvemento en Galicia
2. A mellora da calidade dos servizos ás ONGD integradas, mediante a dinamización da CGONGD, mellorando a súa organización, funcionamento e servizos.
3. A promoción da formación e cualificación profesional das persoas traballadoras do sector e da CGONGD.
4. O desenvolvemento de relacións de colaboración duradeiras con entidades e colectivos afíns ao sector.
5. A defensa dos intereses das ONGD integradas.

Ano: 
2011
Instrumento de financiamento: 
Convenio
Rexión: 
Europa
País: 
ESPAÑA
Zona de actuación: 
Galicia
Axentes: 
COORDINADORA GALEGA DE ONGD
Código CRS: 
92030 - Apoio a ONGD locais e rexionais
Obxectivos: 

- OBXECTIVO XERAL.
Promovida unha cooperación galega ao desenvolvemento de calidade e transformadora mediante o fortalecemento da Coordinadora Galega de ONGD
Obxectivo específico 1:
O.E.1. Implementado o Plan Estratéxico da Coordinadora Galega de ONGD 2009-2011 (CGONGD) no ano 2011

Resultados e actividades: 

R.1.A1. Consolidar un equipo profesional (Secretaría Técnica) con capacidade para dar apoio técnico ás ONGD integradas na Coordinadora Galega de ONGD.
R.1.A2. Prestar servizos de información e comunicación interna ás ONGD integradas e non integradas.
R.1.A3. Difundir e aplicar o Código de Conduta das ONG para o Desenvolvemento
R.2.A1. Executar os Plans de Acción 2011 das 5 Comisións de Traballo
R.2.A2. Celebrar 3 seminarios de formación dentro do plan de acción das Comisións de Traballo
R.3.A1 Organizar un Congreso sobre Cooperación ao Desenvolvemento en Galicia
R.3.A2.Publicar 3 documentos de traballo en 2011
R3.A3.Actualizar a biblioteca interdisciplinar de préstamo e consulta sobre cooperación ao desenvolvemento
R.4.A1. Coordinar, organizar e difundir a Campaña Pobreza Cero en Galicia
R.4.A2. Publicar e difundir 2 números do boletín semestral Galicia Solidaria.
R.4.A3. Edición de libro coa historia da Cooperación Galega ao Desenvolvemento e o sector das ONGD.
 R.4.A4. Publicar e difundir a memoria 2010 da Coordinadora Galega
R.4.A5. Manter actualizada a páxina web da Coordinadora Galega de ONGD
R.4.A6. Difundir novas, comunicados e notas de prensa en relación á temática da cooperación ao desenvolvemento
R.4.A7.Conmemorar o XX aniversario da Coordinadora Galega en 2011
R.5.A1. Consolidar as redes de traballo con outras plataformas sociais (CONGDE, Fiare...) e actores da cooperación galega.
R.5.A2. Promover xuntanzas e encontros con outros actores de cooperación e axentes sociais galegos, españois e estranxeiros.

Poboación beneficiaria: 

Beneficiarios directos do proxecto:
As ONGD galegas, integradas e non integradas na CGONGD. Así mesmo, as intervencións do proxecto impulsarán o crecemento do sector da cooperación ao desenvolvemento en Galicia
 

Axudas: 

90000