Campaña Mundial pola Educación 2012 en Galicia
Con este proxecto, o equipo territorial da Campaña Mundial pola Educación (CME) en Galicia e as ONGD que a integran aos efectos deste proxecto (Educación sen Fronteiras, Entreculturas, InteRed e Seminario Galego de Educación para a Paz) quere dar continuidade ao seu traballo de sensibilización da sociedade galega, en xeral, e da comunidade educativa galega, en particular, verbo da situación da educación no mundo. A CME en Galicia impulsa nos centros educativos e entre os axentes sociais e os actores da cooperación galega a conciencia da grave situación de incumprimento dos obxectivos de educación para todos e todas de Dakar e dos ODM. Por outra banda, a CME apoia e acompaña á comunidade educativa galega no labor de promover unha cidadanía global e unha cultura da solidariedade que permita a transformación das realidades de inxustiza e exclusión a nivel global, senlleiramente, no eido da realización efectiva do dereito á educación nos países empobrecidos. A CME en Galicia intégrase
na Coalición Española da CME que á súa vez forma parte da CME a nivel internacional, unha coalición global de organizacións da sociedade civil que promoven e defenden o dereito á educación e que está presente en 127 países.
Obxectivo xeral: Promover a realización do dereito á educación a través do cumprimento dos obxectivos de educación para todos e todas do Marco de Acción de Dakar e dos ODM referidos a educación.
Obxectivo específico: Consolidado o compromiso da comunidade educativa e dos axentes sociais galegos para a mobilización e participación cidadá na esixencia do cumprimento dos ODM e dos Obxectivos de Educación para Todos e Todas establecidos no Marco de Acción de Dakar.
Resultado 1
A1. Traducir, editar, imprimir e difundir o material educativo da Campaña Mundial pola Educación 2012 entre os centros educativos participantes.
A2. Traducir, editar, imprimir e difundir o material de difusión da Campaña Mundial pola Educación 2012 entre os centros educativos participantes.
A3. Planificar e celebrar xuntanzas cos centros educativos participantes.
Resultado 2
A1. Deseñar, organizar e celebrar un seminario de formación sobre sensibilización, mobilización social e incidencia.
A2. Coordinar, asesorar, dinamizar e apoiar tecnicamente aos equipos locais da CME en Galicia
Resultado3
A1. Traducir, editar,imprimir e difundir o documento de posicionamento da CME 2012.
A2. Realizar, imprimir e difundir un informe sobre a AOD en educación da cooperación galega.
A3. Planificar e celebrar xuntanzas con axentes sociais galegos e actores da cooperación galega ao desenvolvemento.
Resultado 4
A1. Planificar, organizar e celebrar os actos públicos da Semana de Acción Mundial pola Educación 2012.
A2. Executar a estratexia de comunicación pública da Campaña Mundial pola Educación 2012.
Este proxecto vai dirixido á sociedade galega en xeral. Sen embargo, fíxanse os seguintes segmentos de poboación prioritarios:
1) Membros das comunidades educativas formais en todos os seus niveis educativos: docentes, equipos directivos, alumnado.
2) Persoal voluntario e profesional das ONGD integrantes da CME.
3) Actores da cooperación galega para o desenvolvemento.
4) Responsables políticos e técnicos da cooperación galega para o desenvolvemento.
5) Profesionais e institucións dos medios de comunicación social.
28.500,00 € (2011: 11.400,00 € - 2012: 17.100,00 €)