Proxectos

Campaña Mundial pola Educación 2022 en Galicia

Dende o ano 2003 o equipo territorial da Campaña Mundial pola Educación (CME) -integrado actualmente por Axuda en Acción, EDUCO, Entreculturas, Taller de Solidaridad e a Universidade de Santiago de Compostela- lidera e dinamiza en Galicia as actividades de sensibilización, concienciación, formación, mobilización social e incidencia política da Global Campaign for Education (GCE) en coordinación coa Coalición Española da CME, coordinada por Fundación Educo desde a súa sede central en Barcelona. O proxecto afrontará a actual situación de vulneración do dereito á educación que fundamenta a Axenda de Educación 2030 e o ODS 4, situación agravada pola situación de emerxencia sanitaria global que estamos a vivir por mor da Covid-19. O principal problema identificado en relación ao dereito á educación, foi a “falta de cumprimento dos compromisos internacionais asumidos polos gobernos en relación á Axenda de Educación 2030 no marco xeral da Axenda 2030 das Nacións Unidas e do ODS 4”. Focalizando o problema central en Galicia, e ao tratarse dun proxecto no eido da EpD e a Cidadanía Global, as persoas participantes na identificación salientaron a necesidade de superar a escasa información, sensibilización e concienciación sobre a vulneración do dereito á educación. A selección da alternativas reforzou a coherencia da proposta de acción prevista no proxecto para a consecución do seu obxectivo específico: “A comunidade educativa galega incrementa o seu compromiso, participación social e apoderamento na demanda de respostas sociais, educativas e políticas para a apropiación do dereito humano á educación, o ODS 4 e da Axenda 2030 das Nacións Unidas por parte das persoas gobernantes e representantes políticos a nivel local e autonómico”.

Ano: 
2021
Instrumento de financiamento: 
Convocatoria Educación para o desenvolvemento
Rexión: 
Europa
País: 
ESPAÑA
Zona de actuación: 
Galicia
Axentes: 
AXUDA EN ACCIÓN (FUNDACIÓN)
ENTRECULTURAS FE E ALEGRÍA (FUNDACIÓN)
FUNDACIÓN EDUCACIÓN E COOPERACIÓN - EDUCO
TALLER DE SOLIDARIEDADE (FUNDACIÓN)
UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA
Código CRS: 
99820 - Sensibilización sobre os problemas relacionados co desenvolvemento
Obxectivos: 

Xeral: Contribuír ao cumprimento dos compromisos internacionais asumidos polos gobernos mediante a aprobación da Axenda 2030 das Nacións Unidas e, en concreto, a través do cumprimento efectivo do ODS 4: Garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade, e promover oportunidades de aprendizaxe ao longo da vida para todos e todas.

Específico: A comunidade educativa galega incrementa o seu compromiso, participación social e apoderamento na demanda de respostas sociais, educativas e políticas para a apropiación do dereito humano á educación, o ODS 4 e da Axenda 2030 das Nacións Unidas por parte das persoas gobernantes e representantes políticos a nivel local e autonómico.

Resultados e actividades: 

RE 1.1.  A comunidade educativa galega accede a espazos e recursos educativos, formativos e de sensibilización sobre o dereito humano á educación e o ODS 4.

            A.1.1.1. Difundir os materiais educativos e de sensibilización en centros de secundaria galegos.

            A.1.1.2. Deseñar, organizar e impartir 10 obradoiros de ciberactivismo en centros de secundaria galegos.

            A.1.1.3. Deseñar, organizar e celebrar xornadas formativas sobre o dereito humano á educación, o ODS 4 e a educación transformadora no ámbito universitario, nas tres Universidades Galegas (USC, UDC e Uvigo).

            A.1.1.4. Proxecto de Innovación en Aprendizaxe-Servizo para estudantes universitarios no que desenvolverán competencias para EpD e a CG.

RE 1.2. A comunidade educativa galega mobilízase e realiza incidencia política a prol do dereito humano á educación e o ODS 4 perante persoas gobernantes e representantes políticos locais e/ou autonómicos.

            A.1.2.1. Deseñar, organizar e celebrar un acto central de incidencia política no marco da Semana de Acción Mundial pola Educación (SAME) con gobernantes e representantes políticos do nivel autonómico.

            A.1.2.2. Deseñar, lanzar e socializar accións de mobilización dixital para o incremento da financiación da educación no marco da Semana de Acción Mundial pola Educación (SAME).

RE 1.3. A cidadanía galega accede a información de calidade e sensibilízase sobre o ODS 4, o dereito humano á educación e os logros colectivos da Campaña Mundial pola Educación en Galicia.

            A.1.3.1. Deseñar e executar a estratexia de comunicación para a Campaña Mundial pola Educación.

            A.1.3.2. Deseñar, realizar e difundir a avaliación final externa.

RE 1.4. A CME promove unha investigación participativa e proxectiva creando alianzas polo ODS4 e o dereito á Educación.

            A.1.4.1. Investigación sobre a evolución e desenvolvemento pedagóxico dos materiais educativos elaborados pola CME.

Poboación beneficiaria: 

Directa: 1756 persoas beneficiarias de maneira directa, das cales 53 son homes, 18 mulleres, 854 nenos e 831 nenas.

Indirecta: 11.670 persoas beneficiarias de maneira indirecta das cales 1.300 son homes, 970 mulleres, 5.700 nenos e 3.700 nenas.

Avaliación: 
prevista
Axudas: 

Axuda Xunta de Galicia: 44.943,00 € (2021: 17.977,20 €; 2022: 26.965,80 €)