Convenio de colaboración entre a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento, as Comunidades Autónomas de Galicia, Asturias, Cantabria, A Rioxa, Murcia, Valencia, Canarias, Illes Balears, Madrid e Castela e León e a FEMP, para a programación conxunta en materia de Acción Humanitaria
O presente convenio de actuación conxunta no ámbito humanitario toma como referencia o Convenio Marco entre a Secretaría Xeral de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento e as Comunidades Autónomas, para a articulación, coordinación e complementariedade da cooperación descentralizada, que inclúe entre os seus obxectivos a coordinación da acción humanitaria.
A súa vez, dá continuidade ao Convenio para a programación conxunta da Acción Humanitaria que se asinou o 20 de maio do ano 2015 (cunha vixencia de 3 anos) entre a AECID e as Comunidades Autónomas de Galicia, A Rioxa, Castela A Mancha, Illes Balears, Estremadura e Madrid.
Este convenio de programación conxunta da acción humanitaria permite, por unha banda, o establecemento dunha relación de coordinación constante entre a Oficina de Acción Humanitaria (OAH) da AECID e as CCAA participantes e, por outra, o financiamento conxunto das intervencións que se seleccionen. No marco deste convenio, a AECID adquire o compromiso de destinar anualmente 1.000.000 € e cada unha das CCAA destinarán un mínimo de 50.000 € anuais.
Subscríbese por un período dun ano e a prórroga da súa vixencia será acordada por unanimidade das partes cada ano, antes do 1 de novembro do exercicio anterior, por un período de ata catro anos adicionais.
Obxectivo Xeneral: Regular a coordinación das partes asinantes en materia de acción humanitaria e, de maneira específica, o establecemento das finalidades específicas da devandita coordinación, así como os compromisos financeiros asumidos polas mesmas, para a consecución dos obxectivos do Convenio Marco de cooperación para a articulación, coordinación e complementariedade da cooperación descentralizada coa Secretaría de Estado de Cooperación Internacional e para Iberoamérica e o Caribe ( SECIPIC).
Financiaranse intervencións no ámbito da prevención, a emerxencia, atención a crises crónicas, rehabilitación e recuperación temperá, así como de protección en favor das vítimas. Os sectores prioritarios nos que se centrarán as intervencións serán: protección, seguridade alimentaria e nutrición, auga, saneamento e hixiene e saúde, podendo igualmente contemplarse o financiamento de intervencións noutros sectores, tales como educación en emerxencias ou acubillo.
As achegas das partes destinaranse a financiar a actuación de organismos multilaterais especializados en acción humanitaria para intervencións en crises, de acordo cos criterios de necesidade, pertinencia das accións propostas, capacidade de intervención (acceso) das axencias operadoras beneficiarias e nivel de cobertura financeira dos programas previstos para atender a estas crises (infrafinanciación). As intervencións elixibles virán establecidas polos chamamentos humanitarios internacionais emitidos polas Nacións Unidas e o Movemento Internacional da Cruz Vermella.
Axuda Xunta de Galicia: 50.000,00 € (2018)