Proxectos

A crise como cambio: perspectivas e alianzas entre mulleres

Este proxecto nace como resultado de 14 anos de traballo de Implicadas no Desenvolvemento a prol dunhas relacións máis xustas entre os pobos dende un compromiso feminista e crítico. No campo crucial da representación, as nosas sociedades seguen promovendo visións das comunidades do Sur que infantilizan, problematizan ou totalizan as experiencias e polo tanto mediatizan a cooperación. Esta situación vese exacerbada no caso das mulleres, que se converten en ferramentas do imaxinario para establecer ao mundo occidental como o sistema de valores modelo para todas as sociedades. Implicadas propón o presente proxecto como unha iniciativa que traballe os campos estratéxicos da representación e as estruturas políticas da pobreza e do xénero, así como a implicación activa da cidadanía como voluntarias e/ou socias da organización. Para cada plano establécense uns obxectivos, resultados e actividades que guiarán o seu traballo ata mediados de 2013, agardando así facer forte o seu traballo como organización, implicando á poboación no voluntariado e no mantemento económico das súas estruturas para facelas así independentes.

Para acadar estes obxectivos, Implicadas propón unha serie de xuntanzas entre as participantes do proxecto de internacionalización posto en marcha pola Rede Galega de Empresas e diversas asociacións de mulleres empresarias, a fin de poñer en común o traballo e os esforzos para saír da crise tanto en Galicia como en Támil Nadu. Por outra banda, a presentación do documental “Cambia de papel” permitirá ás persoas que o visualicen analizar os diferentes papeis que elas mesmas poden desempeñar no seu día a día. No plano formativo, a organización da II Escola Feminista, baixo o tema “Crises e crises”, ofrecerá ás persoas asistentes unha visión máis global da crise (no Norte e no Sur), tanto desde o punto de vista económico como desde o social e cultural, igualmente importantes, aínda que comunmente esquecidos. Organizarase así mesmo un acto conxunto coa Marcha Mundial das Mulleres con motivo do 8 de marzo aproveitando a visita das compañeiras de Támil Nadu, e realizarase unha xuntanza de poetas, ilustradoras e deseñadoras a fin de editar un libro de poesía e imaxes que promova a reflexión nesta liña xeral do proxecto.

Este proxecto pretende amosar os múltiples papeis que a muller pode desenvolver neste contexto, abrindo as portas á formación de redes e alianzas que, ademais de dar voz ás mulleres, poidan traballar para facer fronte ás crises que, como as actuais, van desde o local ao internacional.

Ano: 
2012
Instrumento de financiamento: 
Convocatoria Educación para o desenvolvemento
Rexión: 
Europa
País: 
ESPAÑA
Zona de actuación: 
Galicia
Axentes: 
IMPLICAD@S NO DESENVOLVEMENTO
Código CRS: 
15164 - Organizacións e institucións da igualdade das mulleres
Obxectivos: 

Obxectivo Xeral: Contribuír a establecer alianzas entre as mulleres do Norte e do Sur que axuden a ver a crise como un cambio no que aprender de estratexias económicas sustentables, non ceder nos dereitos adquiridos e loitar por aqueles que fican por conseguir, e no que entender a pobreza desde os parámetros críticos dos feminismos.
Obxectivo Específico: Provocar un cambio na mentalidade da cidadanía con respecto ao papel das mulleres en situación de crise desde o económico pasando polo social e o cultural para facer visibles os seus múltiples papeis e abrir portas ás alianzas.

Resultados e actividades: 

Resultado 1.1.: O público participante e a sociedade galega en xeral a través dos medios accedeu a unha imaxe máis plural dos papeis que as mulleres desempeñan en situacións de crise no económico, no social e no cultural.
Actividades:
A.1.1.1.: Xuntanzas con asociacións de mulleres empresarias.
A.1.1.2.: Difusión de iniciativas de crédito sustentable desde a India.
A.1.1.3.: Presentación da longametraxe de docucreación “Cambia de papel”.
A.1.1.4.: Organización da II Escola Feminista Implicadas no Desenvolvemento “Crises e crises”.
Resultado 1.2.: Establecéronse proxectos e alianzas comúns entre mulleres galegas e de Támil Nadu a través das súas organizacións no campo do económico, o social e o cultural.
Actividades:
A.1.2.1.: Concurso de fotografía e exposición “Recortes nos dereitos, loitas conxuntas”.
A.1.2.2.: Xuntanza coa marcha mundial e organización dun acto común o 8 de marzo.
A.1.2.3.: Xuntanza de poetas, ilustradoras ou deseñadoras gráficas e libro.

Poboación beneficiaria: 

Directa: Dúas activistas de Támil Nadul, 10 mulleres de organizacións empresariais galegas, 30 mulleres do sector dos servizos sociais en Galicia, 25 mulleres de entre 20 e 65 anos con interese nas temáticas a tratar polo proxecto, 400 asistentes á proxección do documental, 400 participantes ao curso de fotografía e 500 visitantes á exposición fotográfica.
Indirecta: A proxección do documental atraerá a un público indirecto composto por 250.000 persoas de características dispares.

Axudas: 

24.250,00 (2012: 8.487,50; 2013 15.762,50)