Proxectos

Elaborar o plan estratéxico, fortalecer a área de comunicación e incidencia social e dinamizar a base asociativa da Asociación por un Comercio Xusto e Solidario Panxea

Este proxecto responde ás prioridades identificadas polas persoas socias de Panxea nunha tentativa de trazar participativamente a folla de ruta pola que se rexerá a organización nos próximos anos e que, en termos xerais, oriéntase a incidir na pretensión dunhas relacións comerciais máis xustas que respecten e promovan a relación directa entre persoas produtoras e persoas consumidoras.

A través do proxecto elaborarase coa participación das persoas socias e voluntarias o Plan Estratéxico de Panxea. Escóllese este xeito de proceder por dous motivos fundamentais: primeiro, porque a implicación á hora de plasmar por escrito a “misión” garante en maior medida un compromiso coa súa execución; e segundo, porque ao elaborarse sobre as ideas aportadas polas persoas que integran a organización, favorécese a súa aprobación na Asemblea.

En segundo lugar, o proxecto aborda o deseño e implementación dun Plan de Comunicación interna e externa na liña de definir unha estratexia propia, adaptada ao contexto galego, que potencie as campañas de sensibilización e estableza e optimice o impacto do traballo de Panxea a través dos medios de masas. Esta liña de traballo está en clara relación coa necesidade de facer máis visible a entidade e darlle maior proxección ás accións que emprende na procura da incidencia política e social.

Finalmente, o proxecto aborda a ampliación e dinamización da base social a través do desenvolvemento de actividades de formación relacionada co comercio xusto, consumo responsable, soberanía alimentaria e economía solidaria, así como captación de novas socias na comarca de Compostela. 

Ano: 
2012
Instrumento de financiamento: 
Convocatoria Consolidación e fortalecemento de ONGD
Rexión: 
Europa
País: 
ESPAÑA
Zona de actuación: 
Santiago de Compostela
Axentes: 
PANXEA
Código CRS: 
92010 - Apoio a ONGD nacionais
Obxectivos: 

Obxectivo Xeral: Elaborar o plan estratéxico, fortalecer a área de comunicación e incidencia social, e dinamizar a base asociativa desta Asociación por un Comercio Xusto e Solidario.
Obxectivo Específico: Elaborados os plans estratéxico e de comunicación; e fortalecidas as áreas de comunicación e sensibilización, consolidando o equipo humano de socias e voluntarias, así como o seu compromiso co proxecto.

Resultados e actividades: 

Resultado 1.1.: Elaborado o Plan Estratéxico de Panxea coa participación de todas as persoas socias.
Actividades:
A.1.1.1.: Planificar o calendario das 5 sesións que serán dinamizadas e contratación da persoa ou entidade que fará a dinamización das sesións.
A.1.1.2.: Celebración das 5 xuntanzas dinamizadas para a elaboración do novo Plan Estratéxico.
Resultado 1.2.: Elaborado e implementado o Plan de Comunicación de Panxea.
Actividades:
A.1.2.1.: Impartir un obradoiro de Comunicación para movementos sociais centrado nos seguintes puntos: fotografía, vídeo, redes sociais/novas tecnoloxías e captación de socias e voluntarias.
A.1.2.2.: Maquetación e redacción do Plan de Comunicación a partir da formación recibida no obradoiro impartido a todas as socias interesadas e público en xeral.
A.1.2.3.: Deseñar e planificar as actividades que se porán en marcha ao longo de 8 meses no marco da implementación do Plan de Comunicación elaborado
A.1.2.4.: Execución das actividades de comunicación seguindo o calendario fixado.
Resultado 1.3.: Ampliada a base social, e favorecida a capacidade de socias e voluntarias para implicarse na Sensibilización a través da súa formación en aspectos técnicos e teóricos relacionados con proxectos de comercio xusto, consumo responsable, soberanía alimentaria e economía solidaria.
Actividades:
A.1.3.1.: Concretar os obradoiros de formación en Cooperación ao Desenvolvemento, así como a persoa ou entidade expertas que farán a docencia.
A.1.3.2.: Difundir e realizar un obradoiro de 20 horas de duración para a formación teórico- práctica orientada a entender ou a mellorar a abordaxe de proxectos de Cooperación ao Desenvolvemento.
A.1.3.3.: Deseñar e planificar as actividades que se porán en marcha para a captación de novas socias e voluntarias na comarca de Compostela.
A.1.3.4.: Execución das actividades de dinamización seguindo o calendario fixado.
A.1.3.5.: Participar activamente na comisión de Comercio Xusto da Coordinadora Galega de ONGD e nas redes e plataformas das que formamos parte –Fiare Galiza, O Peto, REAS Galicia, Espacio por un Comercio Justo, ISAP–; así como seguir fortalecendo o traballo iniciado con diversas organizacións no campo da economía solidaria e dos enfoques transversais de xénero e medio ambiente –desenvolvemento sustentable.

Axudas: 

11.600 (2012: 4.060,00; 2013: 7.540,00)