En acción pola Igualdade! Galicia cara a unha cidadanía activa na loita pola superación da pobreza e as desigualdades no mundo
A campaña de sensibilización e EpD "En acción pola igualdade!" nace co obxectivo de sensibilizar e formar á poboación galega sobre cales son as causas que orixinan a pobreza e as desigualdades no mundo globalizado para despois conseguir unha cidadanía activa e responsable na procura de novas formas de guiar o desenvolvemento. Dirixirémonos de xeito especial ao alumnado de centros educativos (especialmente do ámbito universitario e do da educación secundaria) e tamén a outros grupos identificados en anteriores fases da EpD de AeA en Galicia como son os grupos de mulleres (especialmente do ámbito rural), redes de xénero e mundo asociativo urbanos e medios de comunicación.
Haberá dous fíos condutores neste proxecto dun xeito especial. Por unha banda, un dos fitos máis importantes na loita contra a pobreza e as desigualdades é a Plataforma de Acción de Beijing de 1995. Nela establecíanse 12 esferas de especial atención na loita pola igualdade. Este proxecto foi deseñado buscando eses obxectivos e establece resultados e actividades por cada unha desas doce esferas para contribuír a esa sensibilización da sociedade galega. Somos conscientes do ambicioso e amplo que é este proxecto e do gran número de actividades que contén, pero todas e cada unha delas foron pensadas e deseñadas para contribuír a ese resultado final. Ademais, a maquinaria para poder construír toda a rede de colaboracións necesarias para a súa execución xa foi posta en marcha e son moitas as colaboracións que xa foron confirmadas, por exemplo, para elaborar os artigos de opinión e información das diferentes temáticas sobre muller e economía, o papel das mulleres nos conflitos armados, etc.
Doutra banda, como diciamos, non podemos perder a perspectiva de que a cooperación feita desde o Sur, para o Sur e co Sur é a única que ten sentido, por diferentes razóns, pero as principais son a idea e o sentimento de apropiación, aliñamento coas prioridades locais, e sustentabilidade no tempo. Por iso, e dun xeito moi especial desde Galicia elíxese Nueva Segovia en Nicaragua, a través do seu Instituto de Liderazgo de Las Segovias (ILLS), como impulsoras de contidos e colaboradoras na execución, por exemplo, como docentes para a maioría da formación prevista. Desde o ILLS deseñáronse as liñas base do proxecto, coorganizaranse as accións formativas e os contidos que nel se describen e estarán presentes como nexo de apoio e asesoría. O feito de que esta contraparte sexa a elexida para a realización deste proxecto foi porque é un referente en toda Centroamérica na loita pola igualdade desde fai máis de quince anos, e que en Galicia constituíu baixo o seu círculo unha importante rede de organizacións e persoas que aglutinan ao redor delas a súa solidariedade (Axuda en Acción, Universidade da Coruña, Deputación da Coruña, Solidariedade Galega, organizacións de mulleres). Elas foron tamén as impulsoras do Vínculo Solidario entre organizacións de mulleres que foi financiado pola Cooperación Galega da Xunta de Galicia en anteriores convocatorias desde o ano 2006. Todas as accións que se describen en apartados posteriores foron deseñadas desde as súas necesidades e intereses estratéxicos.
Obxectivo xeral: Sensibilizar á poboación en materia das causas que orixinan a pobreza e as desigualdades no mundo globalizado para conseguir unha cidadanía responsable e activa na procura de novas formas de guiar o desenvolvemento.
Obxectivo específico: Durante 2011/2012, formar e sensibilizar ao alumnado de centros educativos (fundamentalmente UDC e os IES e CEIP da nosa comunidade), e colectivos de xeito informal, particularmente medios de comunicación, xente nova e integrantes de colectivos de mulleres rurais e urbanas, os CIM e á poboación galega en xeral, acerca das causas que orixinan as desigualdades no mundo e a pobreza, facendo especial fincapé nas doce esferas que a Plataforma de Acción de Beijing (PAB, 1995) estableceu como estratexias para conseguir unha igualdade real.
ACTIVIDADE 1.1.1:
Creación e mantemento da web/blog/plataforma/rede social "En acción pola igualdade!". Esta recollerá todos os foros de opinión, entrevistas, rede social de apoio, formación, etc, nunha plataforma de internet que servirá de nexo condutor e recollida de aprendizaxes e elemento movilizador da cidadanía. Elaborarase nos primeiros meses de vida do proxecto e o seu lanzamento estará listo para outubro de 2011. Durará todo o tempo de existencia do proxecto.
ACTIVIDADE 1.1.2:
Actos de presentación da campaña "En acción pola igualdade!" en torno ao Día Internacional da Muller Rural, 15 de Outubro de 2011no ámbito rural galego e universitario.
ACTIVIDADE 1.1.3:
Realización dunha sistematización de experiencias acerca da loita contra a pobreza desde a perspectiva de xénero, desde unha experiencia exitosa e de longa traxectoria no Sur, onde a participación das e dos protagonistas, líderes e lideresas das comunidades, sexa o eixo fundamental da metodoloxía: levantamento da información, estudo de casos prácticos sobre o terreo, realizada por unha persoa de experiencia no traballo investigador ou ben no traballo con asociacións de mulleres e cooperación. Esta persoa do equipo de AeA ou da OIX da UDC fará equipo con profesionais do ILLS. O tempo aproximado será de 3 meses (Maio´12 a Xullo´12) e doutros 2 (Agosto´12 a Setembro´12, xa en Galicia) para o informe final. Presentarase (unha presentación no ámbito académico galego e outra no ámbito rural) en torno ao día 17/10/2012, Día Internacional de Loita contra a Pobreza e 15/10/12, Día Internacional da Muller Rural, respectivamente. Contarase coa presenza dunha das protagonistas, en concreto a directora do ILLS, Haydee Castillo, directora do ILLS.
ACTIVIDADE 1.1.4:
Curso de formación para persoal docente da UDC acerca das causas que orixinan a feminización da pobreza, en particular, de como o acceso á educación nas mulleres convértese en fundamental para un desenvolvemento sostible e equitativo. O curso levarase a cabo en Nueva Segovia, baixo convenio e asocio do ILLS durante 2 semanas no verán de 2012.
ACTIVIDADE 1.1.5:
Xornadas de formación a alumnado UDC por parte do profesorado formado en 1.1.4 e persoal do ILLS acerca de, por unha banda, as dificultades no acceso á educación que teñen as mulleres nos países empobrecidos e, doutra banda, como o investimento no capital humano é a única forma de desenvolvemento equitativo e sostible. En torno ao Día Internacional de Loita contra a Pobreza, 17/10/2012.
ACTIVIDADE 1.1.6:
Xornadas de sensibilización en centros de ensino secundario acerca da importancia do acceso e permanencia na educación das mulleres como motor de desenvolvemento. En torno ao 8 de marzo de 2012.
ACTIVIDADE 1.1.7:
Xornadas, cursos de autoestima/risoterapia no ámbito das asociacións de mulleres rurais, impartidas por profesionais do ámbito da Psicoloxía relacionadas co mundo da cooperación internacional. Os cursos pretenderán reflexionar acerca de como a saúde física e mental das mulleres redunda en beneficio de toda a comunidade. En torno ao 7/04/2012 Día Internacional da Saúde.
ACTIVIDADE 1.1.8:
Realización dun foro de entrevistas e artigos de prensa na web/plataforma/blog/rede social e outros medios de comunicación ao redor de testemuños persoais que sufriron violencia de xénero e como lograron superala. Ao redor de 25/11/10 e 25/11/12.
ACTIVIDADE 1.1.9:
Organización de polo menos dúas xornadas en torno ao 25 de Novembro, unha no ámbito rural e outra no ámbito educativo "urbano", con motivo da celebración do 25 de Novembro, Día Internacional de Loita contra a violencia de xénero. Contaremos coa presenza dunha representante dos grupos de autoaxuda e redes de mozas do ILLS.
ACTIVIDADE 1.1.10:
Charlas en centros de ensino secundario con motivo da celebración do 25 N. Contaremos coa presenza dunha representante dos grupos de autoaxuda e redes de mozas do ILLS.
ACTIVIDADE 1.1.11:
Xornadas/Conferencia de información na Universidade sobre a resolución 1325 de NN UU en torno ao 31 de outubro de 2012 e campaña de artigos en prensa/de opinión e/ou en medios virtuais) sobre o tema en torno ao 31 de outubro.
ACTIVIDADE 1.1.12:
Serie de artigos en prensa/web, un ao mes desde a presentación da campaña, sobre o papel da muller na economía, abordando as diferentes perspectivas de economía.
ACTIVIDADE 1.1.13:
Revista oral no mundo rural. Temática: Como a participación das mulleres na vida pública da súa comunidade convértese directamente en desenvolvemento. Contaremos coa presenza de Haydee Castillo xa que se realizará en torno ao Día Internacional da Muller Rural e aproveitarase para facer no mesmo lugar a presentación da investigación. Outubro 2012.
ACTIVIDADE 1.1.14:
Xornadas "Mecanismos institucionais para o adianto da muller" con motivo do 8 de marzo. Ciclo de conferencias en torno ao 8 de marzo.
ACTIVIDADE 1.1.15:
Foro en internet con persoas, testemuños, entrevistas de exemplos de loita polos DDHH das mulleres do norte e sur. Realización o 10 de decembro, Día Internacional dos DDHH, de 2011.
ACTIVIDADE 1.1.16:
Xornadas de formación do voluntariado galego e do alumnado de centros educativos ao redor dos dereitos humanos das mulleres, contando para iso con profesionais de recoñecido prestixio no sur, que estarán aquí con motivo das xornadas do 25 N.
ACTIVIDADE 1.1.17:
Ciclo de cine documental no ámbito universitario sobre o papel das mulleres no desenvolvemento. Realizarase en torno ao Día Internacional dos DDHH, 10 de Decembro de 2011.
ACTIVIDADE 1.1.18:
Almorzos de prensa. Coloquio na Universidade sobre o papel das mulleres nos medios. Xornada exclusiva para profesionais. Outubro 2012. Participará persoal do ILLS.
ACTIVIDADE 1.1.19:
Informe / investigación sobre o papel das mulleres no cambio climático realizada en Nicaragua con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente. Presentación do informe dentro do ámbito académico universitario, coincidindo coas xornadas de presentación da campaña.
ACTIVIDADE 1.1.20:
Deseño de material didáctico con actividades de carácter infantil na loita pola igualdade, para alumnado de educación infantil e primaria. Presentación en torno ao día 20 de novembro de 2011, Día Internacional dos dereitos da nena e do neno. Escollerase un centro educativo para a súa presentación.
ACTIVIDADE 1.1.21:
Concurso de ensaios, poemas on-line, sobre a situacion da nenez do Sur e a Solidariedade no Norte (a publicar na web/plataforma en torno ao 20 de novembro de 2012).
TOTAL: 49.515,00 € (2011: 19.806,00 € - 2012: 29.709,00 €)