Familias caboverdianas en Galicia. Impacto para o desenvolvemento da transnacionalización dos coidados e das remesas
O proxecto “Familias caboverdianas en Galicia. Impacto para o desenvolvemento da transnacionalización dos coidados e das remesas” pretende levar a cabo unha investigación sobre as transferencias de coidados e tamén de remesas en familias caboverdianas, que sexa posteriormente aplicada á produción de materiais de sensibilización que visibilicen e poñan en valor o papel das mulleres migrantes na supervivencia e o benestar a ambos lados da corrente migratoria. Estes materiais audiovisuais centraranse en varios casos, representativos das catro xeracións de mulleres caboverdianas migrantes, tanto en Burela como na illa de orixe, Santiago.
A investigación, que sustentará a produción audiovisual, aborda o proceso migratorio e de instalación da comunidade caboverdiana en Galicia prestando unha especial atención a dous elementos: a) o establecemento de cadeas globais de coidados, que favorecen unha organización transnacional da atención tanto das persoas que permanecen en orixe (nenos/as, familiares, persoas en situación de dependencia) como das familias nos países de destino (as propias familias migrantes, pero tamén familias autóctonas que contratan man de obra migrante como empregadas de fogar); e, b) as remesas, tanto materiais (recursos económicos, bens…) como inmateriais (coidados, valores…), que circulan nese espazo transnacional creado polas persoas migrantes. Concretamente, analizarase o impacto que teñen estes dous elementos, organización transnacional dos coidados e remesas, no desenvolvemento.
Así, a principal pregunta de investigación en torno á que se articula este proxecto consiste en inquirir ao respecto da achega ao desenvolvemento e benestar das comunidades que participan do fluxo transnacional da migración entre Cabo Verde e Galicia do accionar económico transnacional (en materia de coidados, pero tamén de remesas monetarias).
Obxectivo xeral: Visibilizar e poñer en valor a contribución das mulleres caboverdianas nas estratexias de supervivencia, tanto das súas propias familias, na súa acepción transnacional, como das familias galegas nas que prestan os seus servizos de coidados.
Obxectivos específicos:
OE 1. Avaliar a reorganización familiar en contextos migratorios.
OE 2. Identificar e analizar a cadea global de coidados nas familias caboverdianas desde un enfoque lonxitudinal.
OE 3. Examinar o impacto da pandemia da Covid19 nas relacións familiares transnacionais da comunidade caboverdiana.
OE 4. Indagar no papel da circulación dos coidados e das remesas polo espazo transnacional tecido pola comunidade caboverdiana instalada en Galicia no desenvolvemento e benestar tanto nas familias do país de orixe como na sociedade galega de destino.
OE 5. Examinar como as familias caboverdianas teñen adaptado a súa práctica de coidados en Galicia.
OE 6. Sensibilizar, visibilizar e promocionar valores relacionados coa igualdade de xénero, a relevancia dos coidados para o benestar social e o contributo das persoas migrantes -particularmente das mulleres- a este desenvolvemento e benestar.
A1.- Revisión bibliográfica e actualización do estado da cuestión, que permitirá ter o marco teórico completo e ao día para desenvolver os seguintes pasos da investigación.
A2.- Análise sociodemográfica do proceso migratorio entre Cabo Verde e Galicia.
A3.- Deseño da estratexia cualitativa de investigación e inicio dos traballos de preprodución do documental, mediante a identificación das familias e mulleres a entrevistar, así como a elaboración dos guións para as entrevistas e o traballo audiovisual.
A4.- Fase I do traballo de campo en Galicia.
A5.- Fase I do traballo de campo en Cabo Verde.
A6.- Transcrición, análise e tratamento do material empírico recollido na Fase I do traballo de campo.
A7. Fase II do traballo de campo en Cabo Verde.
A8.- Análise e tratamento (edición e subtitulado) do material empírico recollido na Fase II do traballo de campo.
A9.- Iniciativas de divulgación e diseminación dos resultados (publicacións, xornadas de presentación dos resultados).
Directa: A poboación beneficiaria directa será o equipo de investigación, conformado por 5 investigadoras pertencentes á Universidade da Coruña (3 investigadoras), á Universidade de Trás-os Montes e Alto Douro (1 investigadora) e á Universidade de Cabo Verde (1 investigadora), en agrupación con AGARESO.
Axuda Xunta de Galicia: 30.000 € (2021: 15.000 €; 2022: 15.000 €)