Proxectos

Fortalecemento das capacidades das mulleres, nenas e adolescentes para o pleno exercicio dos seus dereitos a unha vida libre de violencias e a medios de vida dignos no eixo La Paz/ El Alto /Santa Cruz, Bolivia. FASE II

A proposta establécese para os Departamentos de La Paz e Santa Cruz, tanto nas cabeceiras departamentais como en El Alto, no primeiro caso, e en Santa Cruz de la Sierra, no segundo. Busca contribuír á eliminación das barreiras de acceso a dereitos e a emendar baleiros de protección das mulleres, nenas e adolescentes do maior eixo poboacional de Bolivia, e estrutúrase en 2 planos: o primeiro é o fortalecemento das accións de loita contra a violencia cara ás mulleres, desde unha visión feminista, técnica e ética, cun enfoque de prevención e protección, abordando tanto a identificación de riscos, prevención e auto defensa fronte á violencia machista como a resposta integral e efectiva de protección dos dereitos das mulleres vítimas de violencia e aos seus fillos/as, en forma de atención psicolóxica, asesoría en torno a  violencias económicas e laborais, servizos públicos e redes de apoio coordinadas. O segundo eixo baséase na creación de espazos de reflexión, xeración e difusión de coñecemento e pensamento feminista, como base esencial para transformar a sociedade patriarcal e eliminar calquera tipo de violencia cara ás mulleres. Neste sentido, traballarase no desenvolvemento de dous encontros de mulleres nacionais e un posgrao en pensamento feminista, e na capacitación, creación de contido e difusión de programas radiofónicos liderados por colectivos de mulleres.

Ano: 
2022
Instrumento de financiamento: 
Convocatoria Proxectos no exterior ONGD
Rexión: 
América do Sur
País: 
BOLIVIA
Zona de actuación: 
El Alto, La Paz
Santa Cruz (departamento)
Axentes: 
SOLIDARIEDADE INTERNACIONAL GALICIA
Contraparte: 

Mujeres Asociadas Sociedad Civil - “Mujeres Creando”

Código CRS: 
15170 - Organizacións e institucións da igualdade das mulleres
Obxectivos: 

Xeral: Contribuír ao exercicio pleno dos dereitos das mulleres bolivianas para o seu desenvolvemento íntegro, o seu empoderamento e a súa participación política, non limitados por ningunha forma de violencia ou discriminación

Específico: Mellorar desde unha visión feminista a calidade, a cobertura e o enfoque baseado en dereitos das accións de prevención e loita contra a violencia cara ás mulleres e nenas en La Paz e Santa Cruz.

Resultados e actividades: 

RE 1.1. Mulleres e nenas aumentan a súa capacidade para previr os efectos da violencia machista e mellorar o acceso ao seu dereito a unha vida libre de violencias

            A.1.1.1 Formación de autodefensa feminista para as instrutoras vinculadas a MC.

            A.1.1.2 Convocatoria, inscrición de beneficiarias e realización de 23 cursos de autodefensa feminista

RE 1.2 . As mulleres obxecto de calquera tipo de violencia contan con novas capacidades para acceder aos seus dereitos, a través de oficinas e redes de apoio máis coordinadas e efectivas para a súa atención integral na Paz e Santa Cruz.

            A.1.2.1 Desenvolvemento dunha ferramenta software de xestión de acceso libre para o rexistro, seguimento e consulta dos casos atendidos polas oficinas de Mulleres en Busca de Xustiza.

            A.1.2.2 Capacitación na metodoloxía de Mulleres en Busca de Xustiza noutras zonas do país para que as mulleres obxecto de violencia teñan acceso a unha atención integral de calidade.

            A.1.2.3 Atención, información sobre dereitos, interposición e seguimento de casos de dereito familiar e penal por equipo multidisciplinar (Avogada, Traballadora Social e Psicóloga).

            A.1.2.4 Atención, sistematización e contacto entre demandantes e empregadores/as na Axencia de Emprego.

            A.1.2.5 Talleres grupais de formación en dereitos económicos, microfinanzas e planificación e asesoría individual financeira e apoio legal a traballadoras e desempregadas.

RE 1.3 Os espazos de participación e reflexión das mulleres a nivel nacional e rexional definen e promoven novas formas de loita feminista para o contexto actual en América Latina

            A.1.3.1 Planificación, convocatoria, realización e sistematización de dous encontros nacionais de mulleres

            A.1.3.2 Planificación, convocatoria e realización dun diplomado de pensamento feminista para pensar e construír novos feminismos. Este diplomado desenvolverase durante 3 semanas de maneira presencial en La Paz.

RE 1.4 Grupos diversos de mulleres, mocidade e LGTB propoñen e participan en espazos de expresión feminista, sensibilización - acción artística e mediática sobre dereitos das mulleres e outros colectivos con necesidades específicas.

            A.1.4.1 Capacitación a mulleres, mocidade e colectivos con necesidades específicas para a xeración de contidos comunicativos sobre os seus dereitos e loita contra a violencia simbólica nos medios e a sociedade.

            A.1.4.2 Elaborar e difundir produtos comunicativos sobre a situación dos dereitos das mulleres e sobre loitas feministas.

            A.1.4.3 Realización de denuncias públicas sobre vulneracións de dereitos das mulleres mediante expresión artística

Poboación beneficiaria: 

Directa: 2.290 persoas (20 homes, 2.100 mulleres, 70 nenos e 100 nenas)

Indirecta: 980 menores, fillos/as de mulleres en proceso de reparación dos seus dereitos e usuarias en xeral dos servizos do proxecto

Axudas: 

Axuda Xunta de Galicia: 171.029,79 € (2022: 68.411,92 €; 2023:102.617,87 €)