Fortalecemento das capacidades técnicas da administración rexional responsable do recurso hídrico “ARA-Norte” no ámbito dos Sistemas de Información Xeográfica e da Hidroxeoloxía. Mozambique
O presente proxecto está destinado a mellorar o coñecemento do recurso hídrico e as capacidades de xestión do mesmo por parte da socia local ARA-Norte. As liñas de acción presentadas son complementarias ao proxecto Water Facility de Augas de Galicia financiado por EuropeAid: Parceira de apoio técnico á consolidación rexional de Augas do Norte. Dito proxecto ten como obxectivo principal garantir o desenvolvemento da xestión dos recursos hídricos e das infraestruturas hidráulicas de Mozambique, contribuíndo á redución da pobreza da poboación. O proxecto ten a ARA-Norte como principal axente beneficiario.
A intervención presentada parte dunha concordancia cos obxectivos do Water Facility, ampliando os resultados previstos e complementado positivamente o impacto do programa de Augas de Galicia en Cabo Delgado, a través do deseño dun modelo hidroxeolóxico e dunha rede de control para a contorna da cidade de Pemba, co fin de que sexa empregado por ARA-Norte. Outra das liñas estratéxicas consiste na capacitación á socia local en análise e xeración de estudos básicos do recurso hídrico, así como o desenvolvemento dun Sistema de Información Xeográfica (SIX) personalizado e adaptado aos requisitos de ARA-Norte. Serán de especial relevancia as capacitacións en SIX dende as primeiras fases do proxecto Water Facility, integrando metodoloxías de captación de datos xeorreferenciados no mesmo estudo de campo inicial.
Para o cumprimento destes obxectivos realizarase unha avaliación e análise dos recursos hídricos e acuíferos na contorna de Pemba, principal núcleo habitado da provincia e, por tanto, principal consumidor do recurso; ademais, identificaranse os requisitos técnicos para a construción dun Sistema de Información Xeográfica.
Estas actividades requirirán dun importante investimento en persoal técnico especializado, a contratación dunha asistencia técnica experta en estudios hidroxeolóxicos e o reforzamento do equipo da socia local ARA-Norte coa creación dunha nova praza de especialista técnica na administración local. O seguimento principal da intervención en terreo será levado a cabo por esta persoa contratada por ARA-Norte, e será tamén necesario o desprazamento puntual de equipos técnicos especializados dende Galicia.
Administración Rexional de Augas do Norte (ARA-Norte)
Obxectivo Xeral: Mellorada a xestión do recurso hídrico na provincia de Cabo Delgado, aumentando a calidade e a cobertura do servizo de abastecemento e saneamento da poboación.
Obxectivo Específico: Fortalecidas as capacidades técnicas da administración rexional responsable do recurso hídrico, ARA-Norte no ámbito da hidroxeoloxía e do desenvolvemento de Sistemas de Información Xeográfica.
Resultado 1.1.: Deseñada e impulsada unha rede de control nos acuíferos da contorna de Pemba en coordinación coa FIPAG.
Actividades:
A.1.1.1.: Establecer o modelo conceptual, balance hídrico e diagnóstico de riscos e vulnerabilidades (cantidade e calidade) do acuífero e campo de pozos de abastecemento de Metuge, Pemba.
A.1.1.2.: Elaborar un plan estratéxico para o seguimento e control dos pozos de abastecemento e o estado do acuífero.
A.1.1.3.: Impulsar unha rede de control básico no acuífero de Metuge, Pemba.
A.1.1.4.: Formación para o seguimento e control do acuífero e os pozos de abastecemento de Metuge, Pemba.
Resultado 1.2.: Apropiada e empregada unha ferramenta de información xeográfica para a xestión do recurso hídrico.
Actividades:
A.1.2.1.: Contratación dunha persoa técnica especialista na ARA-Norte, mediante concurso público.
A.1.2.2.: Definir o modelo de datos e crear unha base de datos xeográfica para a xestión do recurso hídrico.
A.1.2.3.: Desenvolver unha ferramenta de Sistema de Información Xeográfica en Software Libre baseado nos requisitos de emprego da ARA-Norte.
A.1.2.4.: Xeración de cartografía e visualizacións específicas para os requisitos de emprego da ARA-Norte.
A.1.2.5.: Capacitación no emprego e aproveitamento das Tecnoloxías da Información Xeográfica na ARA-Norte e outros actores públicos rexionais.
Directa: ARA-Norte.
Indirecta: Poboación da provincia de Cabo Delgado, concretamente as persoas residentes do núcleo urbano de Pemba.
106.120,00 (2012: 31.836,00; 2013: 74.284,00)