Proxectos

Fortalecemento de capacidades técnicas e operativas para a mellora da xestión dos recursos hídricos en Mozambique (AQUA–MOZ 2ª Fase)

Este proxecto AQUA–MOZ 2ª Fase é a continuación das actuacións anteriores desenvolvidas por AdG, a UdC e a FUAC no marco da xestión da seca en Mozambique. O proxecto pretende contribuír, no marco da loita e prevención contra os efectos do cambio climático, á mitigación dos impactos dos eventos de seca en Mozambique, reforzando a Administración Rexional de Augas do Sur e a Universidade Eduardo Mondlane.

A xestión dos recursos hídricos e o fortalecemento das administracións responsables é unha prioridade en Mozambique. O desenvolvemento de actividades que vinculen melloras técnicas e procesos de xestión nun mesmo plan de acción identificouse como un enfoque exitoso na cooperación galega coa administración da auga de Mozambique.

No marco da loita contra o cambio climático, este proxecto desenvolverá metodoloxías, a nivel técnico e de procedemento, para mellorar a xestión dos recursos hídricos en Mozambique. Para iso, AdG e FUAC-UdC traballarán apoiando á ARA Sur e á Universidade Eduardo Mondlane en dúas liñas complementarias:
    • Seguimento da seca e do estado dos encoros.
    • Procedementos de xestión da seca.

As actuacións identificadas céntranse no reforzo de capacidades -na administración e na universidade- ao tempo que se implantan ferramentas técnicas e de xestión. O enfoque do proxecto fai fincapé na replicabilidade das accións en todo o país co obxectivo de que os beneficiarios locais sexan progresivamente os protagonistas da transferencia de coñecemento a outras administracións mozambiqueñas. Para iso, o proxecto baséase no enfoque de aprendizaxe facendo fronte ás accións nas que se realiza unha actividade ou se entrega un produto sen a adecuada apropiación e capacidade de desenvolvemento por parte dos beneficiarios. En consonancia con isto, os traballos, metodoloxías e procesos a poñer en marcha, na liña de calquera actuación orientada á loita contra o cambio climático, requiren un prazo de tempo que supera a duración deste proxecto (1 ano). Tendo en conta isto, trabállase cun enfoque temporal que se pode ampliar no futuro e que incorpora os resultados de anos anteriores, cunha visión na que AdG e a FUAC-UdC poidan ser actores fundamentais para impulsar a transferencia de coñecemento dende administracións de auga e universidades mozambiqueñas.

Ano: 
2021
Instrumento de financiamento: 
Convenio
Rexión: 
África
País: 
MOZAMBIQUE
Axentes: 
AUGAS DE GALICIA
FUNDACIÓN UNIVERSIDADE DA CORUÑA
Contraparte: 

Administración Rexional de Aguas do Sur (ARA Sul) e Universidade Eduardo Mondlane (UEM)

Código CRS: 
14010 - Política recursos hídricos e xestión administrativa
Obxectivos: 

Xeral: Contribuír á prevención e mitigación dos impactos do cambio climático en Mozambique en relación cos impactos derivados de eventos de seca.

Específico: Fortalecemento das capacidades técnicas e operativas para mellorar a xestión dos recursos hídricos con enfoque de bacía en Mozambique, con énfase nos eventos de seca.

Resultados e actividades: 

RE 1.1. Consolidada e implantada unha metodoloxía de seguimento da seca no río Limpopo.

            A.1.1.1. Caracterización da seca na bacía do río Limpopo-encoro de Massingir.

            A.1.1.2. Deseño dunha metodoloxía de seguimento da seca na bacía do río Limpopo.

            A.1.1.3. Realización de accións formativas sobre vixilancia da seca.

           A.1.1.4. Acompañamento na implantación da metodoloxía de seguimento da seca e revisión de resultados e análise.

RE 1.2. Mellorados os procedementos de xestión de eventos de seca.

            A.1.2.1. Implantación do manual de procedementos operativos internos relacionados co seguimento e xestión da seca.

            A.1.2.2. Adaptación do manual de procedementos operativos ARA Sul para a xestión da seca para a súa aplicación a nivel nacional.
 

Poboación beneficiaria: 

Directa: Na ARA Sul beneficiaranse aproximadamente 431 persoas (110 mulleres e 321 homes), incluídas as unidades de bacía, e 9 persoas (6 homes e 3 mulleres) no Departamento de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos da UEM, polo que a poboación beneficiaria directa é de 440 persoas.

Indirecta: A poboación beneficiaria indirecta estímase de acordo coa poboación afectada pola bacía principal: 1.950.000 habitantes na bacía do río Limpopo, formados por un total de 800.000 homes e 1.150.000 mulleres.

Axudas: 

Axuda Xunta de Galicia: 125.000,00 € ( 2021: 99.781,25 € ; 2022: 25.218,75 €)