Proxectos

GALICIA ABRIGA: Programa Galego de acollida temporal a mulleres defensoras de Dereitos Humanos (II Edición)

A pesar do recoñecemento internacional do labor das persoas defensoras de dereitos humanos, a defensa dos DDHH segue sendo unha actividade de alto risco en moitas partes do mundo. E éo especialmente para as mulleres defensoras de dereitos humanos, que afrontan os mesmos riscos ca os homes que defenden dereitos humanos, pero que, ademais, deben facer fronte aos riscos vinculados a seren mulleres, polas fortes normas e tradicións socioculturais machistas e pola violencia contra as mulleres exercida en todos os lugares do mundo.

Galicia Abriga xorde no ano 2023 e é un Programa Galego de Acollida Temporal a Mulleres Defensoras de Dereitos Humanos, semellante a outros programas de Protección Temporal doutras rexións españolas. Estes programas enténdense como estratexias de apoio e acompañamento internacional que permiten a protección da integridade física das persoas defensoras e das súas familias.

Ano: 
2025
Instrumento de financiamento: 
Convenio
Rexión: 
Europa
País: 
ESPAÑA
Zona de actuación: 
Galicia
Axentes: 
ECOS DO SUR
Código CRS: 
1516000 - Dereitos humanos
Obxectivos: 

Xeral: Promoción da defensa dos dereitos humanos en países onde a cooperación galega ten presenza, para que as mulleres defensoras poidan realizar o seu labor de defensoría en condicións seguras.

Específico: Desenvolvidas estratexias de acollida temporal a mulleres defensoras de dereitos humanos en Galicia que melloren as condicións de seguridade e benestar nas que realizan o seu traballo de defensoría.

Resultados e actividades: 

RE 1.1. Deseñada, coordinada e avaliada a segunda edición de Galicia Abriga.

A 1.1.1. Reunións de coordinación de espazos de traballo interinstitucional co Equipo Xestor e a Rede de Apoio do programa.         
A 1.1.2. Identificación e xestión de vías de financiamento que garantan a viabilidade económica do programa.
A 1.1.3. Participación en redes que posibiliten o intercambio e a aprendizaxe mutua entre programas e iniciativas semellantes.     
A 1.1.4. Coordinación do encontro anual da Rede Pro-Tejer en Galicia.     
A 1.1.5. Actualización e difusión das bases do  Programa de Acollida Temporal a Mulleres Defensoras de Dereitos Humanos en Galicia.     
A 1.1.6. Selección das mulleres participantes do programa.          
A 1.1.7. Avaliación do I Programa Galego de Acollida Temporal a Mulleres Defensoras de Dereitos Humanos.

RE 1.2. Ampliada a capacidade de denuncia, visibilización e concienciación social do programa a través dunha estratexia de incidencia integrada.

A 1.2.1. Deseño e implementación dunha estratexia de comunicación do proxecto Galicia Abriga e do papel das entidades e institucións participantes e colaboradoras.     
A 1.2.2. Deseño e implementación dunha estratexia de incidencia social e política adaptada a cada defensora, incluíndo a elaboración de materiais específicos.
A 1.2.3. Asesoramento e formación específica das mulleres para a relación cos medios de comunicación e a realización de presentacións públicas.    
A 1.2.4. Xestión dos medios de comunicación, web e redes sociais do proxecto.

RE 1.3. Acollidas e acompañadas tres defensoras de dereitos humanos nunha estancia temporal en Galicia de tres meses.

A 1.3.1. Preparación da acollida de tres mulleres defensoras de dereitos humanos en Galicia.
A 1.3.2. Elaboración da axenda das mulleres defensoras durante os tres meses de acollida.
A 1.3.3. Acollida e acompañamento das mulleres defensoras durante os tres meses de acollida.
A 1.3.4. Elaboración dunha estratexia de regreso e seguimento unha vez finalizada a acollida.

Poboación beneficiaria: 

Directa: 3 mulleres       
Indirecta: 52 persoas (32 mulleres e 20 homes)

Avaliación: 
prevista
Axudas: 

48.012,00 € (2025)