Proxectos

Hackers Sen Fronteiras. Tecnoloxías para o Ben Común e os DDHH con enfoque de Cidadanía Global no ensino secundario de Galicia. Fase 3.

O proxecto presentado dá continuidade ao programa Hackers Sen Fronteiras, iniciado en 2021 e desenvolvido xa en dúas fases, co obxectivo de promover a Tecnoloxía para o Ben Común e os Dereitos Humanos con enfoque de Cidadanía Global no ensino secundario e na Formación Profesional en Galicia. Parte dunha visión da tecnoloxía que cuestiona o seu carácter aparentemente neutral e que presta atención aos impactos sociais, ambientais e económicos do seu deseño, produción, uso e fin de vida. Preténdese que profesorado e alumnado poidan analizar cuestións como o extractivismo, o consumo tecnolóxico, a soberanía dixital, a enerxía, a xestión da auga, os coidados, a fenda de xénero, a Economía Social e Solidaria ou a relación entre Galicia e outros territorios nos que ESF traballa en cooperación internacional.

Esta terceira fase reforzará o acompañamento ao profesorado de secundaria e FP, como axente multiplicador clave. Elaboraranse, revisaranse e organizaranse materiais didácticos de acceso aberto, vinculables aos currículos e pensados para facilitar a súa aplicación nas aulas. Impulsaranse espazos formativos compartidos entre profesorado e base social de ESF sobre Tecnoloxía para o Ben Común, incorporando tamén recursos con enfoque interseccional —decolonialidade, antirracismo e anticapacitismo— para reforzar unha abordaxe crítica e inclusiva da tecnoloxía e da Cidadanía Global. Reservaranse dúas prazas, unha en cada anualidade, para profesorado no Programa de Coñecemento doutras Realidades de ESF.

Ano: 
2026
Instrumento de financiamento: 
Convocatoria Educación para o desenvolvemento
Rexión: 
Europa
País: 
ESPAÑA
Zona de actuación: 
Galicia
Axentes: 
ENXEÑERÍA SEN FRONTEIRAS-GALICIA
Código CRS: 
11130 - Formación do profesorado
11320 - Ensino secundario xeneralizado en todos os seus ciclos
Obxectivos: 

Xeral: Contribuír a que a ciencia e a tecnoloxía ao servizo do ben común e dos dereitos humanos, con enfoque de cidadanía global, impulsen un ensino secundario comprometido coa equidade de xénero, os coidados e a xustiza ecosocial, formando unha cidadanía crítica e corresponsable coa sostibilidade da vida.

Específico: Promovida a tecnoloxía para o Ben Común e os Dereitos Humanos con enfoque de Cidadanía Global no ensino secundario e de FP en Galicia.

Resultados e actividades: 

RE 1.1. Profesorado conta con material didáctico e coñecementos sobre tecnoloxía para o Ben Común e os Dereitos Humanos con enfoque de Cidadanía Global e aplícaos nas aulas.

A.1.1.1. Apoio didáctico para persoal docente de ensino secundario e de FP.

A.1.1.2. Ciclo formativo para docentes e dinamizadoras da base social de ESF.

A.1.1.3. Experiencia internacional de voluntariado en cooperación para docentes no Programa de Coñecemento da Realidade de ESF.

RE 2.1. Alumnado formado e implicado en iniciativas de tecnoloxía para o Ben Común e os Dereitos Humanos con enfoque de Cidadanía Global.

A.2.1.1. Obradoiros para alumnado.

A.2.1.2. Comando Hackers Sen Fronteiras.

A.2.1.3. Catálogo de prácticas en empresas da ESS para alumnado de FP.

RE 3.1. Fortalecidas redes galegas de promoción da tecnoloxía para o Ben Común e os Dereitos Humanos con enfoque de Cidadanía Global no ensino secundario e na FP.

A.3.1.1. Encontros de intercambio de experiencias e fortalecemento de rede de profesorado.

A.3.1.2. Rede de alumnas tecnólogas.

A.3.1.3. Premio “Hackers Sen Fronteiras”.

Poboación beneficiaria: 

Directa: 356 persoas (10 homes, 16 mulleres, 162 nenos e 168 nenas).

Indirecta: 5.650 persoas (2425 homes, 2425 mulleres, 400 nenos e 400 nenas).

Axudas: 

Xunta de Galicia: 37.000 € (14.800 € en 2026 e 22.200 € en 2027)