Mellora da educación e comunicación para o desenvolvemento na educación infantil, primaria e secundaria, e da formación en cooperación e comunicación para o desenvolvemento no ámbito universitario
Este proxecto constitúe unha aposta integral pola sensibilización e formación en educación e comunicación para o desenvolvemento na comunidade galega, que abarca dende a educación infantil ata a universitaria.
Pretendese contribuír a crear un clima de tolerancia, solidariedade, democracia e respecto, dende a conciencia crítica e a pluralidade en 8 centros educativos das provincias de A Coruña, Pontevedra e Ourense, que ao longo do curso adquiren un compromiso que se concreta nas actividades de Escolas Sen Racismo, Escolas pola Paz e o Desenvolvemento (ESR, EPD) promovidas dende ACPP, AGARESO e pola súa comunidade educativa conxuntamente.
As características que mellor definen ESR, EPD metodoloxicamente son:
• Ten un carácter continuo e permanente, é parte do proxecto educativo e curricular do centro.
• É activa, require que todo o centro educativo se mobilice e participe dialogando, reflexionando, manifestándose en contra do racismo e calquera tipo de discriminación, facendo propostas.
• O profesorado é un axente de cambio, impulsor da educación en valores.
Este é un programa flexible que se adapta ás necesidades de cada centro educativo, pois a posta en práctica das distintas actividades faise do xeito adecuado para o normal desenvolvemento do curso, pero sendo un compromiso que o centro teña presente en todo momento. Dende este punto de vista, adaptar os programas e a forma de enfocar o tratamento de diversos temas da nova realidade da escola (aulas interculturais, problemas de convivencia, o peso das TIC's e a influencia dos medios de comunicación na aula ...) é algo primordial. As aulas están cambiando e non só na súa composición, e a escola non debe de permanecer allea a esta realidade. Ante todo pretendese dotar de ferramentas e formación específicas ao profesorado, para que este sexa o que traballe co alumnado que cada ano pasa pola aula, coa intención de garantir que o proxecto sexa sostible e o seu efecto multiplicador.
ESR, EPD está composto polos seguintes obxectivos específicos: facilitar formación e ferramentas ao profesorado para introducir, tanto no currículo explícito como no oculto, de xeito transversal e permanente, a EpD; favorecer nos centros educativos a interculturalidad e a apreciación da diversidade como fonte de enriquecemento; promover a convivencia pacífica a través de actitudes de respecto ás diferenzas e a resolución e regulación non violenta de conflitos; facilitar a comprensión das causas que orixinan as desigualdades e promover a procura conxunta de accións para erradicalas; xerar espazos de traballo en rede para fortalecer a capacidade transformadora da escola pública; fortalecer a escola pública como garante da igualdade de oportunidades e primeiro ámbito de participación social democrática e implicar ás institucións públicas no apoio e promoción da educación en valores. No presente proxecto, tanto ACPP como AGARESO facemos especial énfase en favorecer a comprensión da comunicación non como un instrumento, senón como unha dimensión do social-cultural que ten a capacidade para xerar e fortalecer transformacións sociais.
En materia de formación universitaria en cooperación e comunicación para o desenvolvemento, ACPP e AGARESO dan resposta as necesidades manifestadas polo alumnado universitario galego, co obxectivo de contribuír á profesionalización e fortalecemento do sector galego de cooperación e da Comunicación para o Desenvolvemento (CpD).