Mellora das capacidades da Coordinadora para fortalecer ás ONGD galegas e promover obxectivos compartidos de mellora da política pública de cooperación ao desenvolvemento a nivel local e autonómico e de transformación social en Galicia
A Coordinadora aglutina na actualidade a 46 ONGD e recibe dende o ano 2005 o apoio orzamentario da Xunta de Galicia para o seu fortalecemento institucional. Esta concatenación de apoios por parte da Xunta de Galicia ten consolidado un modelo organizativo con funcións adaptadas ás necesidades do sector. Sen embargo, aínda que a estrutura da Coordinadora ten sido estable nos últimos anos, a política pública de cooperación ao desenvolvemento, tanto no ámbito autonómico como no estatal, acumula anos de profunda crise. Os recortes nos orzamentos das diferentes administracións poñen ao sector das ONGD nunha difícil tesitura nun contexto global sumido nunha profunda crise. É por isto que se deben crear os mecanismos que garantan non so a resistencia e supervivencia das ONGD, senón o paulatina transformación cara as novas lóxicas de funcionamento que demanda á sociedade civil a nova axenda internacional.
O actual proxecto pretende establecer as liñas que permitan:
- Seguir mellorando e reforzando os servizos dirixidos ás ONGD con criterios de eficacia, impacto e satisfacción ofrecidos dende a ST: asesoramento, comunicación externa e interna, etc.
- Impulsar a mellora continúa e a actualización e adaptación das ONGD a través da formación técnica, pero tamén da innovación, do intercambio de experiencias e do fomento de procesos de reflexión sobre a súa propia labor e o papel da política na que se inscriben, a política de cooperación ao desenvolvemento. Tamén do impulso de boas prácticas ao interno das organizacións para que estas sexan quen de dar reposta, como organizacións da sociedade civil, ao retos que propón o novo contexto internacional.
- Propiciar mecanismos e procesos oportunos para que a Coordinadora continúe actuando coa máxima lexitimidade como representante das ONGD galegas. Conseguindo aglutinar a unha parte representativa do sector activo en Galicia, e, para seguir sendo a institución a través da cal se articula a acción conxunta e planificada cara unha serie de obxectivos comúns definidos e acordados de forma participada.
Obxectivo xeral: Contribuír a mellorar o sector galego de cooperación ao desenvolvemento mediante o fortalecemento da Coordinadora Galega de ONGD para o desenvolvemento.
Obxectivo específico: Mellorar das capacidades da coordinadora para fortalecer ás ONGD galegas e promover obxectivos compartidos de mellora da política pública de cooperación ao desenvolvemento a nivel local e autonómico e de transformación social en Galicia.
RE. 1.1 Fortalecida a capacidade da coordinadora para incidir na mellora da política pública de cooperación a nivel local e autonómico e na coherencia de políticas das administracións públicas galegas.
A 1.1.1: Realizar de incidencia en partidos políticos candidatos ás eleccións municipais e representantes políticos galegos para reivindicar a importancia da política local de cooperación ao desenvolvemento.
A 1.1.2: Promover encontros, xuntanzas e traballo conxunto con outros actores estratéxicos para os obxectivos das ONGD socias e a política galega de cooperación ao desenvolvemento e promover a pertenza e participación en plataformas de interese para o traballo en rede.
A 1.1.3: Poñer en marcha a segunda fase dun Informe/Diagnóstico sobre a Cooperación Local en Galicia e difundilo entre actores estratéxicos para a incidencia política neste eido e a sociedade galega en xeral.
RE 1.2 Fortalecida a capacidade da coordinadora para promover a educación para a cidadanía global e o recoñecemento da cooperación ao desenvolvemento.
A 1.2.1: Deseñar unha campaña de comunicación externa propia da Coordinadora que poña en valor a cooperación ao desenvolvemento.
A 1.2.2. Difundir e participar en campañas de incidencia vinculadas coa defensa dos dereitos humanos e a loita contra as desigualdades.
A 1.2.3: Realizar a segunda fase do Plan de Comunicación da Coordinadora aliñada co Plan Estratéxico 2017-2020.
A 1.2.4: Difundir novas relacionadas co sector da cooperación ao desenvolvemento entre a sociedade galega e os medios de comunicación e a través das redes sociais e o mantemento e actualización da web da Coordinadora.
A 1.2.5: Poñer en marcha espazos de reflexión e debate propios abertos á cidadanía sobre eixos temáticos de interese para as ONGD socias (feminismos, ecoloxismo, activismos na defensa de dereitos humanos, etc.) e participar doutros espazos formativos e de reflexión externos para actualizar e mellorar as capacidades das ONGD.
RE 1.3 Fortalecida a estrutura organizativa e a lexitimidade da Coordinadora.
A 1.3.1:Organizar e difundir 1 obradoiro básico de formulación e 1 formación técnica avanzada dirixidos a mellorar as capacidades de formulación, seguimento e avaliación dos proxectos das ONGD socias e abertos a outras entidades.
A 1.3.2: Promover a participación e traballo das ONGD socias nos órganos de traballo internos da Coordinadora: Comisións, grupos de traballo e Grupos Territoriais. (reunións internas e externas, formacións e reflexión sobre eixos de interese, documentación, dotación de materiais, etc.) e o achegamento a ONGD non socias.
A 1.3.3: Realizar xuntanzas periódicas da Asemblea de ONGD socias e da Xunta Directiva para seguimento e monitoreo de actividades da planificación estratéxica 2017-2020 e reforzar as capacidades técnicas do equipo técnico e Xunta Directiva.
A 1.3.4: Informar e asesorar ás ONGD socias sobre novidades de interese sobre a cooperación galega e estatal (publicacións, novas, convocatorias) e sobre as actividades levadas a cabo pola Coordinadora.
A 1.3.5: Promover a mellora da transparencia, o bo goberno e o cumprimento do código de conduta nas ONGD socias e da Coordinadora a través da aplicación da Ferramenta de Transparencia e Bo Goberno e da publicación das memorias de actividades anuais.
Axuda Xunta de Galicia: 90.000 € (2019)