Proxectos

Mellora das condicións técnicas e materiais para o aproveitamento responsable dos recursos pesqueiros, acuícolas, eco turísticos e ambientais dos Municipios de San Luís la Herradura, Tecoluca e Jiquilisco, O Salvador

O proxecto pretende mellorar as condicións técnicas e materiais para o aproveitamento económico pero responsable dos recursos pesqueiros, acuícolas, eco turísticos e ambientais por parte da poboación dos Municipios de San Luís la Herradura, Tecoluca e Jiquilisco.

En primeiro lugar, traballarase coas 20 cooperativas que integran a federación FECOOPAZ, fortalecendo as súas capacidades organizativas, técnicas e materiais para o exercicio dunha pesca segura e sostible. Para iso realizaranse accións formativas e aumentaranse materialmente as capacidades de labor administrativo e de xestión para a coordinación, a través da entrega de equipos informáticos e material de oficina.

Desenvolverase un plan de formación e sensibilización en equidade de xénero dirixido a persoas involucradas en cada un dos actores participantes neste proxecto, de maneira que se logre a participación de todas elas na incidencia pola equidade de xénero.

Co obxectivo de potenciar a diversificación económica na zona, elaborarase un plan mestre para a promoción do eco-turismo do Baixo Lempa, para crear unha folla de ruta na que as pequenas iniciativas poidan reflectir a súa visión de futuro pero tamén vexan marcadas as bases do traballo para posicionarse neste mercado.

Un dos traballos que máis a longo prazo darán resultado pero que sen dúbida son compoñente imprescindible, é a concienciación ambiental, e, en especial, a da poboación en idade escolar. Desta forma neste proxecto implementarase un programa de sensibilización enfocado á protección ambiental da zona de intervención.

Ano: 
2012
Instrumento de financiamento: 
Convocatoria Proxectos no exterior ONGD
Rexión: 
Centroamérica e Caribe
País: 
O SALVADOR
Zona de actuación: 
Tecolula (municipio)
San Luis La Herradura (municipio)
Jiquilisco (municipio)
Axentes: 
ASEMBLEA DE COOPERACIÓN POLA PAZ
ASOCIACION GALEGA DE REPORTEIROS SOLIDARIOS (AGARESO)
Contraparte: 

Asociación Fundación para a Cooperación e o desenvolvemento Comunal del Salvador (CORDES)

Código CRS: 
31130 - Terras cultivables
Obxectivos: 

Obxectivo Xeral: Mellora das condicións técnicas e materiais para o exercicio dunha actividade económica respectuosa co medio nos Municipios de San Luís la Herradura, Tecoluca e Jiquilisco, O Salvador.
Obxectivo Específico: Mellora das condicións técnicas e materiais para o aproveitamento responsable dos recursos pesqueiros, acuícolas, eco turísticos e ambientais dos Municipios de San Luís la Herradura, Tecoluca e Jiquilisco, O Salvador.

Resultados e actividades: 

Resultado 1.1.: Ao 12º mes de execución do proxecto terase implementado un plan de seguimento e avaliación das actividades do proxecto.
Actividades.
A.1.1.1.: Conformación do equipo técnico do proxecto e elaboración dun plan de seguimento e avaliación das actividades do proxecto (mes 1).
A.1.1.2.: Reunión informativa con persoas beneficiarias (mes 1).
A.1.1.3.: Posta en marcha do plan de seguimento do proxecto (meses 1 ao 12).
Resultado 1.2.: Ao 12º mes de execución do proxecto teranse fortalecido as capacidades organizativas, técnicas e materiais para o exercicio dunha pesca segura e sostible das 20 cooperativas integradas en FECOOPAZ.
Actividades:
A.1.2.1.: Xornadas de formación sobre cooperativismo (meses 2 e 3).
A.1.2.2.: Xornadas de formación PROFOPAC I; Módulo náutico pesqueiro (meses 5 e 6).
A.1.2.3.: Xornadas de formación PROFOPAC II: Módulo pesca artesanal (meses 7 e 8).
A.1.2.4.: Dotación de equipos informáticos, de pesca e apeiros a FECOOPAZ (meses 3 e 4).
Resultado 1.3.: Ao 12º mes de execución do proxecto terase mellorado o manexo técnico de cultivo do camarón e ampliado a capacidade produtiva da cooperativa acuícola de San Hilario.
Actividades:
A.1.3.1.: Contratación e realización dunha asistencia técnica sobre manexo tecnificado do cultivo de camarón en instalacións da cooperativa San Hilario (meses do 2 ao 12).
A.1.3.2.: Xornadas de formación sobre técnicas de cultivo acuícola e redución do impacto ambiental do cultivo de camarón (meses 5 e 6).
A.1.3.3.: Sementeira e cultivo de dous ciclos produtivos de camarón (meses 2 ao 12).
Resultado 1.4.: Ao 12º mes de execución do proxecto terase reforzado o papel de Radio Tehuacán como referente da comunicación para o desenvolvemento, equidade de xénero e protección ambiental na zona de intervención.
Actividades:
A.1.4.1.: Elaboración dun Plan Estratéxico para a Xestión e Programación de Radio Tehuacán (meses 2 ao 12).
A.1.4.2.: Adquisición e instalación de equipos técnicos (meses 5 ao 7).
A.1.4.3.: Xornadas de formación técnica a persoal voluntario e rede de mozos de Radio Tehuacán (meses 6 e 7).
Resultado 1.5.: Ao 12º mes de execución do proxecto terase desenvolvido un plan de formación e sensibilización en equidade de xénero e celebrado un Encontro sobre Mulleres e Pesca Artesanal en Baixo Lempa.
Actividades:
A.1.5.1.: Xornadas de capacitación en equidade, roles de xénero e masculinidade (meses 9 ao 11).
A.1.5.2.: Celebración dun encontro sobre "Mulleres e pesca artesanal en Baixo Lempa" (mes 11).
A.1.5.3.: Elaboración dun programa radial de equidade de xénero (meses do 8 ao 12).
Resultado 1.6.: Ao 12º mes de execución do proxecto terase elaborado un plan mestre para a promoción do eco-turismo na zona do Baixo Lempa, apoiado o curral de protección da tartaruga mariña en Isla Tasajera e teranse fortalecido as capacidades técnicas do Comité de Turismo de Tasajera.
Actividades
A.1.6.1.: Elaboración dun Plan Mestre para a xestión turística integral da microrregión do Baixo Lempa (meses do 3 ao 12)
A.1.6.2.: Xornadas de formación sobre organización, administración e comercio ao Comité Turístico de Tasajera (meses 7 e 8).
A.1.6.3.: Acompañamento do curral para a recuperación da tartaruga mariña e promoción do seu potencial eco-turístico (meses 3 ao 12).
Resultado 1.7.: Ao 12º mes de execución do proxecto terase implementado un programa de sensibilización, con especial incidencia na poboación escolar, enfocado á protección ambiental na zona de intervención.
Actividades
A.1.7.1.: Xornada de sensibilización en centros escolares e visitas escolares ao curral de protección da tartaruga mariña (meses 8 ao 12).
A.1.7.2.: Concurso escolar de debuxo sobre coidado ambiental (meses 10 e 11).
A.1.7.3.: Gravación e emisión de programas radiofónicos sobre temáticas de protección do medio e de pesca segura (meses 8 ao 12).

Poboación beneficiaria: 

Directa: 2.556 persoas (49% mulleres).
Indirecta: Tamén a poboación de Tecoluca, 23.893 persoas serán potenciais oíntes das emisións radiais previstas, polo que se lles pode considerar dentro da poboación indirectamente beneficiada.

Axudas: 

224.783,00 (2012:67.434,90; 2013: 157.348,10)