Proxectos

Mulleres á frente dende o Sur Global. Investigación e intervención participativa en materia de desenvolvemento e igualdade a través da música

Trátase dunha investigación aplicada en materia de cooperación ao desenvolvemento que pon o foco nas mulleres vinculadas coa música e outras artes escénicas, con base na potencialidade das artes en canto ferramentas de intervención para a transformación social. Inspírase na experiencia do grupo de mulleres de orixe caboverdiana “Batuko Tabanka”, de Burela, e na potencialidade do xénero musical do batuko, tradición cultural na illa de Santiago, onde existen decenas de grupos de mulleres unidas pola súa práctica, que se encontra nun proceso de estudo e valorización institucional. Esta experiencia, situada no sur global, servirá como referencia para identificar entre o colectivo de mulleres migrantes en Galicia, aquelas relacionadas coa creación e transmisión musical. A formulación da investigación é de carácter investigación-intervención, cunha forte dimensión participativa, que concibe a creación dunha estratexia metodolóxica de investigación-intervención a través da música como un diálogo de saberes e experiencias, xenealoxicamente situados, e compartidos entre as voces subalternizadas das mulleres do sur global.

Ano: 
2023
Instrumento de financiamento: 
Convocatoria de investigación para o desenvolvemento
Rexión: 
África
País: 
CABO VERDE
ESPAÑA
Zona de actuación: 
Burela
Illa de Santiago
Axentes: 
ECOS DO SUR
UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA
Código CRS: 
15170 - Organizacións e institucións da igualdade das mulleres
Obxectivos: 

Obxectivo xeral: desenvolver, a partir dunha investigación participativa, unha ferramenta metodolóxica aplicada para a intervención en materia de igualdade de xénero a través das expresións artísticas con mulleres migrantes, partindo da experiencia dos grupos de mulleres batukadeiras na illa de Santiago (Cabo Verde) e Burela.

Obxectivos específicos:

OE1. Indagar no papel do patrimonio cultural inmaterial (artes escénicas, e música en particular) como motor do desenvolvimento socioeconómico en Cabo Verde.

OE2. Examinar criticamente o proceso de apoderamento e transformación das relacións xenerizadas de poder a través da expresión artística e musica en Cabo Verde e Galicia

Resultados e actividades: 

As actividades nas que se desenvolverá a investigación son:

A1. Estado da cuestión. Recolla de información e bibliografía científica acerca das artes como ferramentas de intervención social para a transformación, da historia e funcións do batuko, do diagnóstico da realidade das mulleres caboverdianas e das migrantes en Galicia, que sirva como base na preparación do traballo de recolla no terreno e no deseño dos obradoiros.

A2. Organización do equipo investigador e articulación co equipo de profesionais da ONGd Ecos do Sur.

A3. Mapeamento de grupos de batukadeiras en Ribeira Grande de Santiago.

A4. Mapeamento participativo de mulleres migrantes relacionadas coas artes escénicas en Galicia, editatona e gravación de podcast.

A5. Realización de obradoiros con dous grupos de batukadeiras de RGS e un de Burela.

A6. Realización de obradoiros e diagnóstico participativo con mulleres identificadas no mapeamento de migrantes.

A7. Curso de teatro especializado (a cargo de Artemisa Semedo) co grupo de teatro de Ecos do Sur.

A8. Creación da web do proxecto, onde se comuniquen as actividades e resultados.

A9. Creación do Arquivo Dixital do Batuko, Patrimonio Inmaterial, e transferencia ás institucións caboverdianas.

A10. Análise dos resultados da investigación (transcrición e tratamento dos datos incluídos), preparación do cartafol de intervención e elaboración das iniciativas de divulgación académica dos resultados do proxecto.

A11. Evento de presentación e socialización de resultados.

Axudas: 

Axuda Xunta de Galicia: 30.000 € (15.000 € en 2023 e 15.000 € en 2024)