Proxectos

O tesouro de Acahualinca

O presente proxecto pertence á área de traballo de Educación para o Desenvolvemento de Solidariedade Internacional de Galicia e responde á estratexia impulsada pola organización neste ámbito a través do desenvolvemento dunha campaña educativa destinada ao nivel de secundaria dos centros educativos da nosa Comunidade Autónoma.

O obxectivo fundamental deste proxecto é a visibilización das accións de Cooperación ao Desenvolvemento que se están a realizar no barrio nicaraguano de Acahulainca, financiadas pola Xunta de Galicia dende o ano 2009. En Solidariedade Internacional consideran fundamental que a cidadanía galega acceda ao coñecemento sobre as liñas de acción e estratexias de desenvolvemento que se impulsan dende as organizacións de cooperación en lugares onde existe unha situación de pobreza extrema.

O presente proxecto xurde coa ambición de mostrar como é a vida nun país de Centroamérica. Debido á dificultade deste reto, as accións de Educación para o Desenvolvemento irán dirixidas a amosar un proxecto de cooperación moi específico, concretamente o que se está a realizar no Barrio de Acahualinca en Managua. A partir desta experiencia concreta intentarase expor o ritmo de vida da mocidade nicaraguana, reforzando a idea de que as inquedanzas da xuventude son as mesmas tanto no Norte coma no Sur, só cambia o xeito de levalas a cabo debido ao contexto que rodea a eses mozos e mozas.

Para conseguir transmitir todas estas ideas, levaranse a cabo varias accións. A primeira delas será recompilar toda a información posible sobre o propio proxecto de Cooperación ao Desenvolvemento para poder así impulsar a segunda acción, que consiste na realización de obradoiros en 15 centros educativos onde Solidariedade Internacional Galicia leva case dez anos traballando e nos que, polo tanto, existe un traballo previo en Educación para o Desenvolvemento. Trátase de facer un traballo continuado ao longo de todo o curso a través de dinámicas de presentación do proxecto, xornadas sobre experiencias da xuventude nicaraguana e da mocidade galega, a titorización da creación dun vídeo clip participativo a realizar polos mozos e mozas e a visibilización de todo o proxecto de cooperación a través dun concerto do grupo Pachama Crew.

Ano: 
2012
Instrumento de financiamento: 
Convocatoria Educación para o desenvolvemento
Rexión: 
Europa
País: 
ESPAÑA
Zona de actuación: 
Galicia
Axentes: 
SOLIDARIEDADE INTERNACIONAL GALICIA
Código CRS: 
11320 - Ensino secundario xeneralizado en todos os seus ciclos
Obxectivos: 

Obxectivo Xeral: Contribuír á comprensión da desigualdade Norte-Sur e das políticas de Cooperación ao Desenvolvemento como ferramenta para mitigala.
Obxectivo Específico: Analizada e socializada unha situación de empobrecemento concreta no barrio da Churueca en Managua (Nicaragua).

Resultados e actividades: 

Resultado 1.1.: Identificadas, analizadas e descritas as particularidades dun país empobrecido de Centroamérica: Nicaragua.
Actividades:
A.1.1.1.: Recompilación e sistematización do proxecto.
Resultado 1.2.: Coñecida a realidade social do barrio de Acahualinca en Nicaragua por parte da poboación xuvenil galega.
Actividades:
A.1.2.1.: Planificación e deseño das intervencións en centros educativos.
A.1.2.2.: Selección e formación da monitoraxe.
A.1.2.3.: Primeira visita aos centros educativos.
A.1.2.4.: Segunda visita aos centros educativos.
A.1.2.5.: Produto solidario resultante: Videoclip participativo.
Resultado 1.3.: Visibilizada a intervención de Solidariedade Internacional Galicia na zona con financiamento da Xunta de Galicia.
Actividades:
A.1.3.1.: Elaboración, deseño e publicación de material publi-informativo.
A.1.3.2.: Planificación, coordinación e celebración do concerto.

Poboación beneficiaria: 

Directa: 1.350 mozos e mozas e 75 docentes dos centros de Educación Secundaria incluídos no proxecto, 120 persoas asistentes ao concerto programado.
Indirecta: Centos de persoas que se beneficien da difusión do videoclip creado polo alumnado a través das redes sociais de Solidariedade Internacional.

Axudas: 

24.960,00 (2012: 8.736,00; 2013: 16.224,00)