Proxectos

ODM 3 e 6. Non hai xustiza sen igualdade e a saúde é un dereito de todos e todas. ACTÚA

O proxecto ponse en marcha nun momento de vital importancia xa que faltan poucos anos do prazo comprometido para o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio e resulta urxente e necesario que o debate sobre estes obxectivos se faga máis presente na opinión pública, pois se considera imprescindible sumar o maior número de cidadáns posible nesta tarefa.

Deste xeito, o eixo central sobre o que se articula o proxecto está constituído polos Obxectivos do Milenio centrándose, neste ano, nos obxectivos número tres (Igualdade entre os xéneros) e seis (Combater o VIH SIDA). Deste xeito, preténdese sensibilizar sobre a importancia de acadar as metas consensuadas a nivel internacional ao tempo que se busca xerar conciencias críticas, intentando facer a cada persoa responsable e activa a fin de constituír unha nova sociedade civil, tanto no Norte como no Sur, comprometida coa solidariedade.

A primeira liña de actuación do proxecto centrarase no ámbito universitario, a través do Curso de Verán que tratará especificamente sobre os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio en xeral e, especificamente, sobre o número tres. Así mesmo, coa colaboración da Oficina de Voluntariado da USC, levarase a cabo o oitavo “Curso de Cine e Valores” dirixido á comunidade docente.

A segunda liña de actuación será no ámbito escolar, traballando igualmente o obxectivo número tres a través da elaboración e a distribución dun material educativo. Tamén se traballará co profesorado dos centros da comunidade galega a través dunha serie de sesións formativas. Estas accións de sensibilización entre a mocidade se complementa coa aposta polas novas tecnoloxías que permitirán difundir o material didáctico xerado en formato dixital.

Finalmente, a terceira liña de traballo é a sensibilización da poboación galega con respecto aos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio. Para impulsar esta área de traballo, contarase co voluntariado das distintas delegacións galegas de Mans Unidas que colabora nas 400 parroquias da comunidade. O proxecto completarase coa exposición itinerante “Soñando un futuro” e a organización dun concurso de “Clipmetraxes”, pequenas pezas de vídeo para difundir e denunciar a problemática dos países do Sur.

Ano: 
2012
Instrumento de financiamento: 
Convocatoria Educación para o desenvolvemento
Rexión: 
Europa
País: 
ESPAÑA
Zona de actuación: 
Galicia
Axentes: 
MANS UNIDAS
Código CRS: 
99820 - Sensibilización sobre os problemas relacionados co desenvolvemento
Obxectivos: 

Obxectivo Xeral: Sensibilizar á poboación galega acerca da loita contra a fame e a pobreza no mundo fomentando o coñecemento dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio.
Obxectivo Específico: Impulsar procesos de sensibilización e de formación e no ámbito educativo e para o público en xeral acerca da situación social do mundo e acadar os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio.

Resultados e actividades: 

Resultado 1.1.: Actuacións feitas entre a comunidade universitaria.
Actividades:
A.1.1.1.: Preparación e realización dun Curso de verán na USC.
A.1.1.2.: Ciclo de cine e valores da USC.
Resultado 1.2.: Actuacións feitas en centros educativos de primaria e secundaria.
Actividades:
A.1.2.1.: Formación do voluntariado para desenvolver o proxecto.
A.1.2.2.: Elaborar, imprimir e distribuír en galego os materiais educativos.
A.1.2.3.: Ciclo de cine en centros de educación secundaria en Noia.
Resultado 1.3. Actuacións feitas para a poboación en xeral.
Actividades:
A.1.3.1.: Difusión para a poboación en xeral.
A.1.3.2.: Concurso de “clipmetraxes”.
A.1.3.3.: Exposición “Soñando un futuro”.

Poboación beneficiaria: 

Directa: 90 persoas asistentes ao curso de verán, 85 persoas asistentes ao curso de cine en valores, 282.797 estudantes dos centros públicos, concertados e privados destinatarios do material educativo. As actividades de sensibilización van dirixidas a 100.000 galegos e galegas.

Axudas: 

22630